Moreira presentarase á presidencia do PP local cunha lista renovada
Por Oskar Viéitez
O actual voceiro do grupo municipal do Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, presentarase á presidencia local do PP cunha lista renovada. Así o anunciou este martes en rolda de prensa.
Moreira agarda a que a dirección do seu partido en Galicia fixe unha data para os congresos locais das sete grandes cidades, tal e como se apuntou o pasado venres na Executiva provincial dos populares na que se puxo data para 21 congresos locais na provincia. De momento o horizonte fíxase no primeiro semestre do 2014.
Cando toque, Moreira aspirará ao cargo de presidente local coa intención de encabezar a lista ás eleccións municipais do 2015. Para iso rodearase dun equipo renovado "unos seguirán y otros no", apuntou.
"Ya veremos el equipo que se plantea. Los congresos se hacen para renovar. Será necesario hacer cambios, eso está claro", respondeu aos xornalistas na rolda de prensa convocada na sede local "renovación hay que hacer, claro", insistiu. E é que Moreira non oculta que o equipo actual, ao igual que a portavocía do grupo, forman parte da herdanza recibida de Telmo Martín, que segue presidindo o PP en Pontevedra.
Moreira tamén se referiu á etiqueta de favorito que lle outorgou o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, "los dirigentes del partido deben ser neutrales ante cualquier proceso congresual, creo que no es bueno, porque cuando se pronunció en determinado sentido llovieron críticas por el otro lado, yo creo que es mejor que se sea neutral y que se deje a las bases libremente que decidan a quien quieren que sea el presidente local", declarou Jacobo Moreira.