Restauran os restos dun baldaquino do século XVI descuberto na igrexa de San Isidro de Montes
Por Redacción
O cura párroco da igrexa de San Isidro de Montes, Fermín Santiago Iglesias, descubriu no ano 2021 uns fragmentos de pezas de pedra labrazada. Tras os estudos efectuados comprobábase que se trata de restos dun antigo baldaquino, da etapa comprendida entre os anos 1520 e 1530.
Segundo a especialista encargada do estudo histórico-artístico, Dolores Barral, trátase dun medio relevo bastante proporcionado e cunha elaboración superior a outros elementos que se conservan no Concello de Campo Lameiro como o da igrexa de San Cristovo de Couso.
Nestes fragmentos, segundo a especialista, recóllense elementos gráficos sobre o Pecado Orixinal, o Martirio de San Sebastián e o Enterro de Cristo.
O Concello decidiu poñer en marcha un plan de rehabilitación ante a importancia da obra, solicitando a colaboración económica da Deputación de Pontevedra, que destina 3.000 euros a estes traballos. A empresa especializada Árbore Sociedade Cooperativa Galega aborda, durante estes días, os últimos retoques para que despois sexa exposta e permaneza visitable para as persoas que se queiran achegar ata a igrexa de San Isidro de Montes, situada no municipio de Campo Lameiro.
Está prevista a instalación dun cartel explicativo no exterior do recinto eclesiástico sobre as características técnicas e artísticas desta peza que se está tratando para a súa conservación.
Carlos Costa, alcalde de Campo Lameiro, mostra a súa satisfacción por conseguir a colaboración de todos os sectores implicados para recuperar esta peza en pedra dunha "beleza extraordinaria e que forma parte do rico e variado patrimonio histórico, cultural e artístico que atesoura o noso concello".