O "desmesurado" IPC elevará o novo contrato do lixo a máis de 11 millóns anuais
Por Alejandro Espiño
A actual conxuntura económica obrigou a "resetear" a tramitación administrativa do novo contrato de recollida de lixo e limpeza viaria. O incremento "desmesurado" do IPC e o aumento dos custos enerxéticos truncou os plans do goberno municipal.
Así o recoñeceu o concelleiro responsable de residuos, Raimundo González, que sinalou que os servizos técnicos tiveron que revisar o estudo de viabilidade, a análise económica e o anteproxecto de explotación, o que obriga a devolver a licitación ao momento de partida.
Este contrato, segundo os novos cálculos dos técnicos municipais, sairá a licitación por un millón máis ao ano do que estaba previsto. É dicir, fronte aos 10,7 millóns de euros anuais irase a un prezo inicial de 11.670.000 euros.
A maior parte deste incremento vén motivado polo novo convenio colectivo do sector, que conlevará un aumento salarial do 6,5% na nómina dos traballadores. No caso do persoal previsto en Pontevedra serían uns 700.000 euros máis ao ano.
A iso hai que sumar o incremento dos custos enerxéticos, especialmente os carburantes, e os denominados bens industriais, segundo especificou Raimundo González.
"O noso interese é que se presente o maior número de operadores posibles", sinalou o responsable municipal de residuos, que recoñeceu que o prezo inicial de licitación "podería retraer" esta competencia entre compañías do sector.
Pontevedra aproveitará ademais este "paso atrás" na licitación para que adaptar mellor o contrato á nova lei 7/22 de residuos e chans contaminados, que reforza o carácter destes desperdicios urbanos dentro do ciclo da economía circular.
O que non cambiará "nin un ápice", segundo o edil do BNG, é todo o relativo ás prestacións do contrato, entre elas os roteiros e horarios previstos, o número de traballadores, o sistema relativo á compostaxe ou o modelo de contenerización.
O Concello, que nos próximos días irá aprobando de novo todos os documentos incluídos na licitación, deberá remitir o contrato outra vez á Oficina Nacional de Evaluación (ONE), que debe emitir un informe sobre a súa sustentabilidade financeira.
A previsión municipal é que o novo contrato poida ser licitado en decembro.
Relacionadas:
-
O Concello confía en que o novo contrato do lixo entre en vigor a finais deste ano
Por Alejandro Espiño |
-
Dous recursos, un presentado polo 'cártel do lixo', paraliza o contrato de xestión de residuos de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra aproba o novo contrato de residuos cun custo total de 233 millóns de euros, o maior da súa historia
Por Oskar Viéitez |
-
Solicitan a colaboración dos veciños de Portas para evitar o mal uso dos contedores de lixo
Por Redacción |
-
Pontevedra está "sucia", segundo Domínguez, pola "insolvencia" dun goberno "agotado"
Por Alejandro Espiño |
-
Raimundo González critica a "oposición virulenta e enfermiza" do PP local ao modelo de compostaxe de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Pontevedra quere formalizar antes de final de ano o novo contrato do lixo, polo que pagará 225 millóns en 21 anos
Por Alejandro Espiño |
-
Os contedores de lixo do centro histórico serán 'de quita e pon'
Por Alejandro Espiño |