Inicio do asfaltado na contorna do Colexio de Portonovo con cortes de tráfico
Por Redacción
Este xoves 6 e o venres 7 de outubro cortarase o tráfico na Rúa Espiñeiro, Rúa Areal e Travesía de Areal con motivo das obras de pavimentación que se realizarán na contorna do colexio de Portonovo dentro dos traballos de humanización, que xa se atopan na súa fase final.
A Avenida Areal e a Rúa Independencia sufrirán un cambio de sentido temporal para garantir o acceso a vivendas e garaxes, segundo informa o goberno local de Sanxenxo que lamenta as molestias que poidan provocar estas obras á veciñanza e comerciantes da zona.
Segundo indican desde o Concello, o resultado final ofrecerá unha transformación completa potenciando a seguridade peonil e a actividade económica. O pintado das rúas e o axardinamento das zonas verdes acometerase a próxima semana.
Instaláronse 67 novos farois con iluminación led, ademais de plantarse árbores. Un banco urbano alongado ofrecerá a posibilidade de conectarse vía USB para cargar dispositivos móbiles e as papeleiras serán de aceiro inoxidable.
A Deputación de Pontevedra financia o 60% da intervención, cuxo prazo se prorrogou á empresa adxudicataria. O 40% restante desta obra finánciase con fondos propios municipais. O custo do proxecto ascende a 833.600 euros coa intención de reurbanizar a contorna do mercado de abastos e do colexio de Portonovo cun cambio de beirarrúas e novo mobiliario. Os traballos comezaron a finais de abril deste 2022.
O tráfico circulará por un carril único, ao redor da praza do mercado, e o pavimento do carril será de lastras, mentres que o espazo de aparcamento contará con pavimento de celosía de lousa-xardín.
A Rúa Espiñeiro ofrecerá un sentido único desde Rafael Picou á Rúa Areal, que manterá a súa dobre dirección. Tamén está previsto o cambio do sentido de circulación en Travesía de Areal, que pasará a ser de saída para facilitar o acceso do autobús de transporte público.
Relacionadas:
-
Derrubada unha torre eléctrica en Vilalonga para crear unha parada de bus
Por Redacción |
-
Previsto un plan de asfaltados de viais de Sanxenxo por máis de 866.000 euros
Por Redacción |
-
A Deputación ampliará o prazo das obras en Portonovo para que Sanxenxo non perda 500.000 euros
Por Redacción |
-
Unha gran praza central coroará o novo porto de Portonovo, que terá máis zona verde
Por Redacción |
-
Arranca a obra que transformará a contorna do colexio de Portonovo
Por Redacción |