Derrubada unha torre eléctrica en Vilalonga para crear unha parada de bus
Por Redacción
Ao longo desta semana retirábase unha torre eléctrica que se atopaba instalada na parcela anexa á subestación de Vilalonga. A empresa concesionaria cedeu este espazo para uso público, segundo informan desde o Concello de Sanxenxo.
Telmo Martín, alcalde da vila turística, asinou un convenio de cesión do terreo con UFD Distribución Electricidade con vixencia para 99 anos, período máximo legal permitido.
O Concello ten previsto converter a parcela en espazo público coa intención de mellorar a seguridade viaria nesta rúa principal de Vilalonga, permitindo tamén que a entrada principal ao núcleo urbano recondicione a súa imaxe.
A caseta exterior da subestación xa fora eliminada no principio do ano e quedaba pendente a derriba da torre. O goberno local anuncia a instalación dunha marquesiña coa integración dunha parada de autobús. Tamén se establecerá unha base de formigón na parte traseira creando ao redor de dez prazas de aparcamento.
ELIMINACIÓN DAS PARADAS DE BUS NA ESTRADA DA LANZADA
Por outra banda, o Concello de Sanxenxo tamén anuncia que a marquesiña situada na Rúa Areal, fronte ao colexio, centralizará a partir do 1 de marzo o transporte escolar e regular en Portonovo. O goberno local sinala que con esta medida quere mellorar a seguridade peonil e a accesibilidade ao transporte público.
A decisión supón a eliminación das dúas paradas actuais da estrada da Lanzada, situadas na farmacia e no Espiñeiro.
Desde o Concello entenden que os accesos dos autobuses ao único punto de recollida permitirán unha mellor circulación viaria deste transporte grazas ás rotondas previstas na obra en execución.
Relacionadas:
-
Tres millóns para mellorar a subestación de Vilalonga e soterrar as súas liñas eléctricas
Por Redacción |
-
Zafarrancho de limpeza nos centros urbanos de Sanxenxo, Portonovo, Vilalonga e A Revolta
Por Redacción |
-
Advirten de queixas veciñais polos cambios no transporte público de Portonovo
-
Inicio do asfaltado na contorna do Colexio de Portonovo con cortes de tráfico
Por Redacción |
-
Convocan os propietarios afectados polas obras na PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga
Por Redacción |