As Centolas de Ouro 2022 recaen en Alfredo Fernández, Miguel Besada, Hotel Talaso Louxo e BDRI
Por Redacción
A entrega dos premios das Centolas de Ouro 2022 celebrarase este venres 7 de outubro, a partir das 20.00 horas, no Auditorio do Grove coa selección dos galardoados, por primeira vez na historia, por unanimidade do xurado que forma o Consello Local de Turismo.
Estes distintivos recoñecen a labora de persoas, entidades, asociacións e diferentes colectivos que destaquen a actividade do municipio grovense ou da Festa do Marisco.
Nesta ocasión, os premiados son os seguintes:
- Miguel Besada, un dos veciños máis coñecidos da vila grazas á súa actividade na Coral Polifónica da Confraría de Pescadores de san Martiño e pola súa participación en numerosos actos da vida diaria do Grove. Tamén se destaca o seu apoio ao crecemento da Festa do Marisco.
- Alfredo Fernández, fundador de numerosos proxectos como Acuavisión, Acquarium Galicia ou Insuíña, sempre co mar e a pesca como elemento común. Estas propostas axudaron, segundo o xurado, a mellorar o nivel económico e social do municipio e da comarca.
- Hotel Talaso Louxo, premiado por tratarse dun destino turístico de referencia estatal e mesmo en Europa, mantendo a esencia dun negocio familiar. Conta con cincuenta anos de existencia.
- O BDRI ou Bottlenose Dolphin Research Institute (Instituto para o Estudo dos Golfiños Mulares), que situou á vila no mapa mundial de estudo dos mamíferos mariños. Atrae anualmente a investigadores e persoas afeccionadas ata a zona. Realizou tamén investigacións de gran relevancia biolóxica como 'Balaenatur'.