O BNG pide que se inicien as accións para acadar a titularidade pública da Illa do Santo, que permanece á venda
Por Redacción
Lucía Santos, portavoz municipal do BNG de Marín, presentará unha moción no próximo pleno, previsto para o xoves 13 de outubro, na que solicitará ao goberno de María Ramallo no Concello de Marín que inicie as accións precisas para recuperar a Illa do Santo do Mar e, desta forma, lograr a titularidade pública para o uso cidadán coa intervención do goberno da Xunta de Galicia, pasando a converterse nun elemento do patrimonio natural e cultural galego.
A Illa do Santo permanece á venda por 300.000 euros. É un terreo non urbanizable e está protexido situado na contorna da praia de Lapamán. Conta cos restos dunha antiga capela dedicada a San Clemente e o seu actual propietario é Manuel Piñeiro Campelo.
Segundo a formación nacionalista trátase dunha "oportunidade magnífica" para que este espazo pase a ser de titularidade pública, que conta con gran valor arqueolóxico e patrimonial, ademais do seu valor natural ao atoparse nunha zona rodeada de arrecifes. Tamén lembran que conserva restos dun castro da Idade de Hierro duns corenta metros de lonxitude, onde se atoparon restos de cerámica que se trasladaron á Biblioteca Pública de Marín.
Lucía Santos considera que este espazo podería converterse nun "importante reclamo turístico" para a vila de Marín. Lembra a situación que atravesan outros bens patrimoniais que "por decisións erradas" se perderon como o desaparecido Priorado; o Pazo da Raña; a Vila Echegaray; ou o Pazo de Cadro, elementos que permaneceron en mans privadas e en estado de abandono.