Urxen medidas ante o risco de derrubamento do acceso á praia do Santo
Por Oskar Viéitez
A portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Marín, Lucía Santos, alertou de que no acceso á praia do Santo "o muro que sostén o paseo corre un grave risco de derrubamento por falta de mantemento".
"Boa parte dos bloques de pedra, de grandes dimensións, están totalmente desprendidos da estrutura", sinala Lucía Santos que lembrou que xa no pasado mes de xaneiro, veciños de Ardán trasladaron ao concello o mal estado do muro "cando só había unha pedra desprendida".
Lucía Santos lamentou a "evidente desidia do goberno municipal ao non actuar cando o dano era menor, xa que se podería ter evitado o desprendemento do muro", polo que insta ao Concello de Marín a "actuar de inmediato para garantir a seguridade das persoas que visitan a praia do Santo".
Por outra banda, a voceira do BNG demanda o "arranxo inmediato" da rampa de acceso ao areal, á que lle faltan varias táboas.
"O seu estado actual dificulta a baixada á praia e imposibilita o acceso a persoas con mobilidade reducida", dixo, polo que "resulta incomprensible ter unha praia con bandeira azul que non reúne as medidas de accesibilidade e seguridade máis básicas".
Relacionadas:
-
Programan os traballos de reparación urxente do paseo da praia do Santo
Por Redacción |
-
A remodelación do Vial de Praias de Marín custará máis de 330.000 euros
Por Redacción |
-
O BNG pide que se inicien as accións para acadar a titularidade pública da Illa do Santo, que permanece á venda
Por Redacción |