Prevista a reactivación da plataforma Marín en Rede
Por Redacción
María Ramallo, alcaldesa de Marín, informaba este luns que nas próximas semanas está previsto que o Concello reactive a xestión da plataforma Marín en Rede, un espazo creado para visibilizar a economía local da vila. Con esta ferramenta quérese promover campañas de sensibilización para ofrecer apoio ao comercio local.
Adxudicouse a xestión deste espazo dixital durante un ano coa intención de que se beneficien principalmente a hostalería e espazos de venda ao público. Este proxecto púxose en marcha inicialmente con motivo da pandemia pero a alcaldesa considera que, na actualidade, pode ofrecer posibilidades para que a cidadanía coñeza os locais e comercios situados na vila.
AXENDA URBANA
Por outra banda, Ramallo indicou tamén que a Axenda Urbana de Marín se atopa na súa fase intermedia de creación. Este documento será a folla guía que establecerá as estratexias e as accións que se realizarán de cara ao ano 2030.
A consultora EOSA é a encargada de elaborar este documento, unha entidade que xa axuda ao goberno local na xestión doutros fondos extramunicipales como os Fondos DUSI ao tratarse de cuestións que requiren notables traballos burocráticos para tramitar todos os requisitos que se esixen para os municipios receptores destas axudas, indican desde o Concello.
Os obxectivos marcados céntranse en mellorar a actual ordenación do territorio, a prevención do impacto do cambio climático, a xestión sostible de recursos, a mellora do acceso á vivenda e a innovación dixital. María Ramallo espera que antes de finais de ano se abra un proceso de participación como figura na redacción da axenda, tanto con achegas sectoriais como do conxunto da cidadanía.