Marín e o seu comercio local, unidos por San Valentín
Por Redacción
O Concello de Marín aproveitará a festividade de San Valentín para dinamizar o seu comercio local a través da campaña 'O amor ten múltiples formas e se dalgo temos que estar namorados é do noso comercio local'.
Ese é o espírito da campaña de dinamización e visibilización da economía local que lanzou o Concello de Marín a través de Marín en Rede, unha iniciativa presentada este venres pola alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Comercio, Cristina Acuña, que indicaron que "o que buscamos é precisamente mostrar que hai moitos tipos de afectos e que todos son importantes".
Baixo o lema 'Enrédate co comercio local', desde o Goberno local queren animar á veciñanza a "apostar polo noso comercio e a nosa hostalaría como o lugar onde facer as nosas compras, facendo progresar á nosa vila entre todos".
Os protagonistas desta nova campaña son Luisa e Ana, perruqueira e clienta de Luisa Crespo Estilistas; Sergio e Omar, irmáns á fronte de Joyería Rosant; Fernando e Ángel, dono e cliente respectivamente da tenda Bio Granel; Manuel e Kirsy, compañeiros no restaurante Casino; Beatriz e Julia, irmás de Federópticos Doval; Elena e Juan, nai e fillo da Farmacia Pedrosa Lorenzo; Julio e Elaine, compañeiros no restaurante Javitxus, e Alicia e Andrés, parella que rexenta a clínica Alter Saúde.
A campaña estará visible nos mupis da cidade, así como nunhas lonas que se colocarán a próxima semana. Tamén terá eco nas redes sociais e na pantalla LED da Praza de España.