Sanxenxo ultima sete actuacións para mellorar os exteriores do Pazo de Quintáns
Por Redacción
A segunda fase do proxecto de recuperación e rehabilitación do Pazo de Quintáns, en Sanxenxo, centrarase en recuperar e rehabilitar todo o seu espazo exterior. Será a través de sete actuacións concretas nas que se investirán case 850.000 euros.
Este proxecto inclúese dentro da subvención que Sanxenxo recibiu con cargo ao Plan de Sustentabilidade Turística, incluído nos fondos europeos Next Generation.
A intención é recuperar os espazos exteriores, sanear o muro de peche, rehabilitar os ocos de paso nos muros interiores e mellorar a permeabilidade entre os diferentes espazos, patios e xardíns do pazo.
A principal actuación consiste na execución dunha edificación consistente nun espazo multidisciplinar, con capacidade de 228 persoas sentadas e 463 de pé, adaptado para a organización de congresos, charlas, eventos ou outro tipo de actividades análogas.
Desta maneira, ademais de mellorar a difusión e coñecemento do pazo, o seu conxunto e a súa contorna, búscase garantir un mantemento sostible das instalacións.
Outra das accións previstas é a mellora das condicións de acceso ao Pazo de Quintáns, para o que se adecuará o camiño de acceso, crearase un aparcamento e prepararase o espazo para a manobra de autobuses e furgonetas de servizo.
Consiste na execución dun pavimento empedrado, a implantación de iluminación, a delimitación de prazas de aparcamento e motorización do portalón anexo ao hórreo. Nas zonas non aproveitables, debido á xeometría do espazo destinado a aparcamento, proponse a creación dunha xardineira con vexetación arbustiva.
O hórreo do pazo rematarase interior e exteriormente co cambio das táboas que pechan os ocos laterais, actualmente en ladrillo, por táboas de madeira.
A execución da carpintería interior realizarase en aluminio e vidro, con partes practicables, para mellorar e garantir unha correcta ventilación interior.
De igual maneira, dotarase das instalacións necesarias (auga e electricidade), de maneira que se poida utilizar como un almacén versátil, destinándose incluso puntualmente como pequeno espazo para un evento.
Ademais, sanearase o muro de pastas situado no linde da parcela e potenciarase a zona coñecida como "parladoiro" mediante a instalación de iluminación que o realce.
O proxecto complétase coa limpeza da totalidade dos muros e a apertura de ocos tapiados, instalando carpintería de aceiro cortén de similares características á instalada na rehabilitación, para delimitar os diferentes espazos e xerar un conxunto homoxéneo.
O acondicionamento paisaxístico da contorna, coa recuperación do xardín botánico e da horta do patio de labranza, supoñerán a guinda a esta actuación, propoñendo sendeiros de grava e a instalación de balizas homoxéneas como iluminación.
Relacionadas:
-
Ultiman as bases para crear o Centro da Cultura Gastronómica Rías Baixas no Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
O Concello de Sanxenxo crea o comité antifraude esixido polos fondos Next Generation
Por Redacción |
-
A reconstrución do peche do Pazo de Quintáns concluirá a mediados de xaneiro
Por Redacción |
-
O Pazo de Quintáns estreará os seus novos muros perimetrais en dous meses
Por Redacción |
-
Dous millóns para que Sanxenxo atraia turistas os 365 días do ano
Por Redacción |
-
Alertan do estado "precario" do abeto branco do Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
A segunda fase do Pazo de Quintáns será posible grazas a 1,3 millóns de euros dos fondos Next Generation
Por Redacción |