Aberto o prazo de solicitudes para os postos de venda do mercado ecolóxico e artesanal de Bueu
Por Redacción
Bueu xa ten data para unha nova edición do mercado ecolóxico e artesanal. Será o próximo 27 de novembro na carpa dos Xardíns de Urbano Lugrís - As Lagoas, onde se poderán mercar durante toda a xornada produtos ecolóxicos, gastronómicos e artesanais, ademais de gozar de actividades diversas.
Dende a concellaría de promoción económica que dirixe Silvia Carballo veñen de abrir o prazo para que as persoas e entidades poidan solicitar un posto de venda, procedemento que se estenderá ata o 28 de outubro, e cuxas bases se poden consultar na web municipal.
Esta edición será a número dez dun mercado que foi posto en marcha con varios obxectivos. Entre eles está diversificar e consolidar a economía local partindo do consumo responsable e a produción sustentable; contribuír á conservación e recuperación da cultura rural e tradicional, con especial relevancia dos oficios tradicionais, a sabedoría popular e campesiña, e as formas de uso e xestión sustentable dos recursos naturais; e conservar a biodiversidade biolóxica e os agrosistemas asociados ás actividades produtivas de carácter local, ecolóxico e artesanal.
Según informaron desde o Concello, o mercado contará cun máximo de trinta postos, que poderán solicitar produtores de sectores de alimentación, artesanía, comercio xusto, saúde e benestar, tecidos e calzado, turismo e gastronómicos.
A esta programación súmase unha ampla e variada serie de actividades que permitirán aprender e gozar en familia, demostrando en todo momento o "compromiso da vila polos produtos locais e a concienciación medioambiental na sociedade".