Animan a cidadanía pontevedresa a participar na manifestación por unha televisión e radio galegas públicas "ao servizo do pobo"
Por Redacción
A Praza da Peregrina acolleu este martes un acto de apoio á manifestación do próximo 6 de novembro, ás 12:00 horas, en Santiago de Compostela, para reclamar unha televisión e radio galega públicas "ao servizo do pobo".
A manifestación foi convocada polo comité intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) que contan co respaldo de máis de 30 organizacións políticas, sindicais, do ámbito social, cultural e profesional.
A marcha de protesta sairá da Praza Roxa ata a Praza de Praterías, baixo o lema 'Por unha CRTVG ao servizo do pobo'.
Na información repartida este martes en Pontevedra explícase que esta mobilización é "máis necesaria que nunca", porque "o executivo galego mantén secuestradas a nosa radio e a nosa televisión" que, segundo aseguran, "actuando ao servizo da forza política no goberno, a actual dirección da CRTVG antepón os intereses do Partido Popular aos valores de carácter ético-político nos que debe fundamentarse o servizo público"
Os traballadores da CRTVG piden que se cumpra a lexislación vixente e, en concreto, a aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, así como a creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento das misións de servizo público encomendadas á corporación, xunto coa designación do director xeral por maioría cualificada do Parlamento.