Comezan en Sevilla e Bilbao os workshops turísticos para dar a coñecer o destino Rías Baixas
Por Redacción
Máis de trinta empresas e entidades do sector turístico da provincia, coa presenza do Cluster de Turismo e capitaneadas pola Deputación de Pontevedra desembarcaron este mércores en Sevilla para o primeiro dos workshops con empresas andaluzas co obxectivo de fomentar a desestacionalización, competitividade do destino e incrementar a captación de visitantes en mercados emisores de interese para Rías Baixas.
A icónica Sala Metropol-Setas de Sevilla concentrará esta tarde os encontros e a presentación dos atractivos turísticos da provincia que continuarán o xoves no Yimby Bilbao Ercilla. Prevense reunións de negocio con máis de 160 firmas andaluzas e vascas.
Tanto en Sevilla como en Bilbao a xornada presenta o mesmo formato, comezando ás 19.45 horas coas reunións de networking profesional entre as máis de trinta empresas e entidades da provincia e as máis de 160 maioristas e comercializadoras andaluzas e vascas para pechar negocios turísticos.
A continuación, terá lugar a presentación do destino Rías Baixas, onde se amosará a ampla oferta, tanto de costa como de interior, da provincia de Pontevedra. Acompañará a presentación de destino a música da artista pontevedresa Cora Velasco e unha degustación de produtos das denominacións de orixe da provincia a cargo do chef do Niño Corvo Adrián Albino. Presentará o evento Rocío Delgado, xornalista viguesa que traballa no eido televisivo estatal.
A delegación provincial desprazada a Sevilla e Bilbao está integrada por empresas que representan todos os sectores relacionados co turismo, dende hoteis a axencias receptivas, adegas, casas de turismo rural, empresas de aluguer de barcos a motor e vela, ademais da Ruta do Viño Rías Baixas, do Museo de Pontevedra e os castelos de Soutomaior e Sobroso. Participan entidades de Bueu, Cambados, A Estrada, Meaño, Oia, Poio, Pontecesures, Pontevedra, O Rosal, Sanxenxo, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía.
Cos workshops, enmarcados no Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023, a Deputación tense convertido na única administración provincial galega que realiza estas exitosas actividades de promoción e comercialización do destino. Se o pasado ano tiveron lugar en Madrid e Valencia, nesta ocasión foron seleccionadas Sevilla e Bilbao por ser mercados de interese para a provincia, cun forte consumo de cultura e enogastronomía.
Relacionadas:
-
O destino Rías Baixas promocionarase na Feira Internacional de Turismo do Interior de Valladolid
Por Redacción |
-
Setembro afiánzase como o terceiro mellor mes para o turismo en Sanxenxo con 114.901 pernoitas hostaleiras
Por Redacción |
-
Valoran coma "éxito rotundo" os máis de mil encontros de traballo mantidos polo sector turístico da provincia en Sevilla e Bilbao
Por Redacción |
-
Spain Film Commission impulsa, en Pontevedra, a promoción de España como destino cinematográfico internacional
Por Redacción |
-
"Agosto histórico" para o turismo, co 100% de ocupación en vivendas vacacionais
Por María José Pita |
-
A Deputación destina 72.000 euros a promocionar as festas de interese nacional e internacional da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación recibe outro premio pola súa aposta pola dixitalización do destino turístico Rías Baixas
Por Redacción |