A Deputación recibe outro premio pola súa aposta pola dixitalización do destino turístico Rías Baixas
Por Redacción
Avanzar na transformación da provincia de Pontevedra como Destino Turístico Intelixente é o obxectivo do proxecto “Tourist Inside”, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra, e que vén de recibir o Premio Digital Tourist 2022 na categoría de Innovación da Oferta Turística de man de AMETIC, a patronal da industria dixital en España.
A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, recibiu o galardón en nome da institución provincial na gala que tivo lugar esta tarde de xoves no concello de Benidorm e que contou coa presenza de autoridades como o Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés.
Trátase da IV edición destes galardóns, que cada ano identifican, valoran e recoñecen os mellores proxectos e experiencias da aplicación das tecnoloxías dixitais no ámbito do turismo. O xurad decidiu galardoar ao proxecto “Tourist Inside” pola súa importancia á hora de mellorar a oferta turística do destino mediante o emprego intensivo das tecnoloxías dixitais que axudan a xerar novos produtos.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, expresou a súa ledicia “por un premio tan importante que nos volve a situar como referencia no Estado e que mostra que estamos a facer ben as cousas”.
“Tourist Inside” ten un orzamento de 1.476.000 euros, dos que Red.es aporta un 60% (886.000 €) e a Deputación o 40% restante (590.000 €). Ademais, está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE). A proposta busca impulsar un modelo turístico intelixente, dixital, innovador, sostible e adaptado ás novas demandas das e dos turistas.
O obxectivo do proxecto é avanzar na transformación da provincia como Destino Turístico Intelixente grazas ao emprego das TIC e as ferramentas de dixitalización, impulsando o avance dixital da xestión e dando un salto de calidade para adaptarse ás necesidades das persoas viaxeiras e dos e das axentes turísticas.
Entre as actuacións que se levan a cabo ao abeiro do proxecto “Tourist Inside” destacan a transformación dixital das oficinas de turismo, a implantación de servizos dirixidos ao turista, a dixitalización do territorio a través do despregue de sensores e o equipamento TIC cun proxecto piloto de praia intelixente que se fará en Praia América no concello de Nigrán, a evolución de ferramentas dirixidas ao sector empresarial e a implantación dunha plataforma de interoperabilidade.
Precisamente, no momento actual trabállase na transformación dixital das oficinas de turismo da Rede Info Rías Baixas, coa instalación de tótems multimedia e con recursos interactivos que permiten ofrecer información á carta e achegar ás persoas visitantes as experiencias que poden vivir na provincia de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Comezan en Sevilla e Bilbao os workshops turísticos para dar a coñecer o destino Rías Baixas
Por Redacción |
-
O secretario de Estado de Turismo confirma máis de 8 millóns de euros de investimento no Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
O mosteiro de Armenteira súmase á dixitalización do 'Tourist Inside'
Por Redacción |
-
A oficina de turismo de Ferreirós dixitalízase cunha pantalla informativa e unha tablet ao dispor dos turistas
Por Redacción |
-
As oficinas de turismo de Cuntis e Caldas ofrecerán unha experiencia interactiva aos visitantes
Por Redacción |
-
O secretario de estado Fernando Valdés celebrará en Pontevedra o Día Internacional do Turismo
Por Redacción |
-
Pontevedra tratará de captar rodaxes das principais produtoras de Hollywood
Por Oskar Viéitez |
-
A campaña da Deputación Love Rías Baixas confirma o seu "exitazo" en Bilbao
Por Redacción |