A Escola de Dermatite atópica abordará o xoves en Montecelo aspectos básicos desta enfermidade
Por Redacción
O Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra celebrará o vindeiro xoves un novo obradoiro práctico da súa Escola de Dermatite Atópica. A organización deste evento formativo e didáctico orientado ao coñecemento básico desta doenza dermatolóxica da continuidade a un dos proxectos máis destacados que se desenvolve desde o ano 2016 na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
A dermatite atópica afecta a entre un 2 e un 10 % da poboación adulta. Porén, é unha doenza moito máis frecuente entre os cativos, chegando a afectar ata un 30 % da poboación infantil. De feito, xunto coas infeccións víricas, a dermatite atópica constitúe o motivo de consulta máis frecuente nas áreas de dermatoloxía pediátrica.
Na sesión do vindeiro día 27 de outubro ás 17:30 horas na área de docencia do Hospital Montecelo, persoal dos servizos de Pediatría e de Dermatoloxía, xunto con profesionais de enfermaría, psicoloxía clínica e docencia especialista en atención á diversidade impartirán obradoiros prácticos orientados aos pacientes así coma diferentes charlas e coloquios informativos, co obxectivo de fomentar unha educación terapéutica aplicada a esta patoloxía, involucrando de xeito activo aos familiares e aos propios pacientes.
Un grupo de quince familias, que participan por rigorosa orde de inscrición nesta actividade, centraranse xunto cos profesionais na orixe da dermatite atópica, a forma na que se manifesta esta doenza e coma se avalia a súa gravidade. Así mesmo, tamén farase fincapé nas medidas de prevención e nos tratamentos e coidados da pel.
O obxectivo dos profesionais que imparten educación terapéutica na Escola de Dermatite Atópica en Pontevedra é dar continuidade a este proxecto -que xa cumpre o seu sexto ano de actividade- mediante a celebración periódica de sesións trimestrais. As familias interesadas tiveron á súa disposición nos centros de saúde de Pontevedra e a súa área de influencia a información precisa para participar nesta iniciativa do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés.
Así, as persoas que se inscribiron nestes obradoiros enviaron un correo electrónico á dirección escuela.atopia.pontevedra@gmail.com, aportando información do paciente con esta patoloxía, a súa idade e o nome do facultativo que no seu caso realizou o diagnóstico.
Os servizos de Dermatoloxía e Pediatría da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés son os responsables da posta en marcha en Pontevedra da que foi a segunda Escola de Dermatite Atópica da Comunidade Autónoma galega. Esta proposta, amparada pola Fundación para a Dermatite Atópica, pretende o fomento dunha educación terapéutica no tratamento e no coidado da dermatite atópica, unha patoloxía de especial incidencia na poboación infantil.
Na actualidade, hai once escolas deste tipo activas en España e máis de sesenta en todo o mundo. Cómpre sinalar que a educación terapéutica logra un incremento da autoconfianza dos pacientes, pois grazas a esta formación adquiren os coñecementos precisos para saber como tratala e afrontala, entre outras dinámicas e vantaxes.
A través da Escola da Atopía facilítanse as ferramentas e os coñecementos necesarios para avaliación da gravidade do eccema, o manexo das alternativas terapéuticas actualmente dispoñibles e información sobre os coidados indispensables para conseguir unha evolución favorable da patoloxía, como ben poden ser diversas recomendacións nos hábitos da hixiene diaria, o emprego de emolientes ou o control do prurito.
Segundo sinala a xefa de servizo de Dermatoloxía da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a doutora Ángeles Flórez Menéndez, “unha das claves da relevancia deste proxecto de Escola de Dermatite Atópica radica no feito de proporcionarlles aos pacientes e aos seus familiares a información necesaria para ter un coñecemento real da súa enfermidade, cara a poder exercer un manexo axeitado da mesma. Que cada paciente tome conciencia e sexa partícipe desde un primeiro momento dos tratamentos que debe seguir no seu domicilio, sen dúbida favorece unha mellor evolución da doenza”.