Comezan as reparacións do chan e humidades no centro de saúde da Lama
Por Redacción
Os traballos para a reposición do chan e o arranxo dos problemas de humidade que afectan ao centro de saúde da Lama xa están en marcha.
Os traballos acometeranse os sábados para evitar crear problemas aos usuarios do centro médico e faranse o máis axiña posible para evitar trastornos de funcionamento tanto ao persoal que presta os seus servizos no centro como aos pacientes.
Por outra banda, o tenente de alcalde do Concello da Lama, David Carrera, confirmou ante responsable da Consellería de Sanidade o mantemento de xeito permanente e estable de dous médicos que veñen prestando os seus servizos no Centro de Saúde.
Tamén volveu insistir sobre a necesidade de volver habilitar de xeito presencial a consulta dun pediatra que atenda personalmente a demanda existente no municipio, así como outras melloras no propio edificio que alberga o centro médico lamense.
Segundo manifestou David Carrera “é unha prioridade para nós a atención sanitaria aos nosos veciños e veciñas, sobre todo á poboación de maior idade que é a que habitualmente fai maior uso deste servizo público. Logramos que a Consellería tomara boa nota e froito desas xestións son estas obras que se están acometendo. En canto ao pediatra, aínda sendo conscientes da dificultade de atopar profesionais desa especialidade neste momento, seguimos insistindo e recordándolle á dirección do Sergas a importancia de que se pase consulta presencial no noso centro de saúde”, indicou.