O pleno da Deputación aproba o Plan Concellos 2023 coa abstención do PP
Por Oskar Viéitez
O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o Plan Concellos 2023 cos votos favorables dos grupos do PSdeG-PSOE e o BNG e a abstención do Partido Popular.
Tal e como subliñou o goberno provincial, este é o Plan Concellos 2023 máis elevado da historia. Está dotado con 44 millóns, un millón máis que o actual, para o financiamento regrado dos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes.
Na súa intervención o deputado de Economía e Facenda, o socialista Carlos Font, destacou que a Deputación "vuelve a responder, como hace año tras año, aportando más recursos y más mecanismos para afrontar la difícil situación económica internacional".
Tamén resaltou que, como novidade, este plan pon en marcha "nuevos mecanismos para asegurar no solo la liquidez, sino también la creación de empleo" reformulando a liña 3 para adaptala á reforma laboral e poñendo en marcha así un programa propio de políticas activas de emprego. Ademáis abre a posibilidade de desviar ata un 30% dos fondos da liña 1 do Plan Concellos (investimentos) ata á liña 2 (pagos a provedores, débeda e gasto corrente).
Segundo dixo Carlos Font é "un plan para todos, un plan de respeto a la autonomía local y un plan de equidad, al repartirse con criterios objetivos y transparentes por encima del color político de las alcaldías".
O portavoz do grupo do Partido Popular, Jorge Cubela, censurou que o goberno provincial describise aos concellos "como parásitos, insolventes e paraísos fiscais" e criticou que "a realidade do Plan Concellos é que renuncian a defender e representar os concellos da provincia de Pontevedra".
Para os populares, a Deputación está "fomentando a desigualdade na provincia" xa que "mentres os pequenos e medianos concellos estamos ao límite, vostedes seguen priorizando convenios coas dúas cidades", en referencia a Pontevedra e a Vigo.
O vicepresidente, o nacionalista César Mosquera, botou en falta un "debate serio" sobre o financiamento dos concellos. "A Deputación fai un esforzo ímprobo porque o gasto por habitante que reciben os concellos de menos de 10.000 habitantes multiplica por 4 o que perciben os concellos de máis de 50.000 habitantes desta provincia", explicou.
MOCIONS
Durante o pleno, os populares defenderon dúas mocións, unha delas para rexeitar os orzamentos xerais do Estado para a provincia, e a segunda, para reclamar axudas para as traídas de augas veciñais. Ambas foron rexeitadas.
MODIFICACIÓN DE CRÉDITO
O pleno aprobou tamén, cos 16 votos a favor de PSdeG-PSOE e BNG e a abstención do PP, unha modificación de crédito por 6,47 millóns de euros que posibilitará a execución de novas obras de mobilidade integral nas estradas provinciais por valor de 5,66 millóns de euros e, ademais, a aplicación da compensación ao persoal da Deputación derivada do real decreto lei sobre medidas de protección aos consumidores de enerxía e de retribución ao servicio do sector público, que se traducirá nun incremento das retribucións deste ano dun 1,5%.
A maiores coa modificación financiarase a adaptación do novo espazo da Imprenta Provincial dentro do Centro Príncipe Felipe e financiaranse as achegas provinciais necesarias para a posta en marcha de tres proxectos europeos, dous deles de turismo sostible ("Camiños do Deza" e "Entrerríos-Condado-Paradanta") e un terceiro de índole empresarial ("Acelera Pyme").
Finalmente, a modificación do orzamento financiará un novo programa de cine musicalizado polas bandas de música da provincia e as subvencións nominativas para os concellos que asumiron a xestión directa das escolas deportivas da especialidade de patinaxe.
Relacionadas:
-
Aprobado definitivamente o orzamento da Deputación para 2023
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva insiste en negarse a presentar o orzamento no Parlamento "por unha cuestión de principios"
Por Anxo Lourido |
-
Aumenta o orzamento municipal na Lama a 1.680.000 euros ante a previsión de suba do custe enerxético
Por Redacción |
-
A Deputación presenta as axudas ás escolas de música e novos avances na transformación dixital dos concellos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Un Plan Concellos de 44 millóns no que "os pequenos son os que máis reciben"
Por Oskar Viéitez |