Carmela Silva insiste en negarse a presentar o orzamento provincial no Parlamento de Galicia "por unha cuestión de principios"
Por Anxo Lourido
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, respondía este venres ás críticas realizadas polo Partido Popular e polo BNG ante a súa negativa a presentarse en sede do Parlamento de Galicia para presentar os orzamentos da Deputación provincial, anunciados o 13 de outubro co vicepresidente César Mosquera, representante da formación nacionalista, e aprobados en pleno o 21 de outubro.
A máxima representante da provincia afirmou que a Constitución Española establece dous principios en relación coas entidades locais: a súa autonomía e a súa suficiencia financeira. E preguntouse: "por que temos na Deputación que dar conta a outra administración? por que? acaso vai o presidente da Xunta ao Senada a dar conta dos seus orzamentos cando recibe máis de mil millóns de euros?", expuxo Silva.
Alegou que ela responde ante o pleno provincial e xustificou na opinión dos letrados da comunidade autónoma que non é obrigatorio acudir á Comisión Orzamentaria da Cámara galega porque "vai en contra do principio constitucional da autonomía local".
Carmela Silva: "O mundo local está farto. Sorpréndenme as críticas dun lado e do outro"
Tamén se preguntou: "que dirían se o goberno do Estado dixese que teñen que ir as autonomías ao Parlamento para dar explicacións? Por que nos tratan a nós como fillos pequenos?".
A continuación, facendo uso de ironía, sostivo que se fose sería para "presumir" e destacou os datos de transformación da provincia de Pontevedra "con gráficas comparándonos con Ourense", onde goberna o Partido Popular. Apuntou que presupiría de que a Deputación pontevedresa é referencia en mobilidade, en igualdade, en Axenda 2030, en política ambiental ou en tratamento de residuos.
"O mundo local está farto. Sorpréndenme as críticas dun lado e do outro", indicou en referencia ás críticas de populares e do BNG, agrupación coa que cogoberna na Deputación. "Non vou ir por unha cuestión de principios, de defensa do mundo local", alegou para concluír a súa intervención cun explícito "Que viva a autonomía local!".
Desde 2017, Carmela Silva rexeitou asistir á Cámara autonómica a explicar as contas provinciais utilizando sempre estes argumentos, unha decisión que foi criticada pola viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, que pediu a súa presenza para "render contas a todos os galegos" e polo portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, que considera "inxustificada" esta ausencia expresando que "ten a obrigación legal" de asistir a esta presentación dos orzamentos.
Relacionadas:
-
Aprobado definitivamente o orzamento da Deputación para 2023
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O pleno da Deputación aproba o Plan Concellos 2023 coa abstención do PP
Por Oskar Viéitez |
-
Aprobados os orzamentos da Deputación para 2023
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP rexeita os orzamentos "antiprovincia" da Deputación porque "deixan orfos aos concellos e aos veciños nun ano negro"
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Carmela Silva presenta o último orzamento deste mandato na Deputación aínda que está segura de que presentará máis no futuro
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |