O Mercado de Nadal de Vilagarcía concéntrase este ano na Praza da II República
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía acaba de abrir a convocatoria para a participación no Mercado de Nadal, que este ano se celebrará entre os días 2 de novembro e 1 de xaneiro de 2023, con algunhas e substanciais novidades.
A primeira delas, o cambio de emprazamento: fronte o que se fixo nos últimos anos, con sedes nas prazas de España e da Independencia, desta volta as 16 casetas de madeira se instalarán todas xuntas na praza da II República, xunto ao auditorio e o parque Miguel Hernández.
Igualmente, para animar á participación e atendendo ás suxestións dos propios comerciantes presentes en anteriores edicións, o horario será máis flexible. E, igualmente, para garantir un certo compromiso de participación cando xa se confirmou a concesión da caseta, os adxudicatarios deberán aboar unha cota mínima e simbólica de 6,25 euros por día de instalación. Cada caseta estará dotada de iluminación independente e de subministro de electricidade, cuxo gasto asumirá o Concello, así como dos elementos mínimos precisos para a exhibición dos produtos.
Na distribución e organización das casetas, o concello reservarase un mínimo de postos para actividade de hostalería, que deberá ofertar, entre outros, bebidas quentes (chocolate, infusións e cafés…) con inspiración de Nadal e doces tradicionais para consumo in situ. Igualmente, farase unha reserva dalgún posto de venda para ONGs, fundacións ou outras entidades radicadas no Concello de Vilagarcía, dedicadas a fins sociais e sen ánimo de lucro.
Con carácter xeral o tempo mínimo de participación no Mercado será dunha semana salvo autorización expresa do Concello, atendendo a circunstancias excepcionais (natureza dos produtos, procedencia dos vendedores…). As mercancías autorizadas para a venda teñen que ter relación, obviamente, co Nadal.
Os interesados poden presentar as súas solicitudes a través da sede electrónica (sede.vilagarcia.gal) ata as 09:00 horas do 14 de novembro.