A nova ordenanza de convivencia cidadá de Poio abre o prazo de consulta pública
Por Redacción
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, informa de que xa está en consulta pública o texto correspondente ao borrador da futura ordenanza de Convivencia Cidadá.
Desde o pasado mércores, día 2 de novembro, a veciñanza xa pode consultar o texto a través do portal de transparencia da sede electrónica, así como realizar vía online as achegas que considere oportunas, en aras de "consolidar e dar vida a un documento o máis completo posible, que garanta unha maior calidade de vida de todas e todos", sinala Caldas.
As propostas poderanse realizar ao longo dos vindeiros días, antes de que se leve a cabo a aprobación inicial do documento, nesta ligazón .
"Esta ordenanza ten a finalidade de preservar o espazo público como un lugar de convivencia e civismo, no que todas as persoas poidan desenvolver en liberdade as súas actividades de libre circulación, de lecer, de encontro e de recreo, con pleno respecto á dignidade e aos dereitos dos demais e á pluralidade de expresións e deformas de vida diversas existentes no Concello de Poio", indica a titular de Seguridade Cidadá.
A este respecto, Marga Caldas salienta que "damos así unha resposta democrática e consensuada a unha necesidade do municipio".
O regulamento aspira a dar solución a determinados problemas e situacións que teñen que ver coa organización e autorización de actos públicos, a degradación visual da contorna urbana por pintadas, pancartas e carteis, o uso inadecuado de xogos na vía pública, o consumo de bebidas alcólicas, actitudes vandálicas ou a contaminación acústica.
"Animamos á cidadanía a que revise o documento e faga as súas achegas, xa que esta será a ferramenta que axudará a garantir unha mellor calidade de vida para todas e todos", apuntou Marga Caldas.
Precisamente, esta futura ordenanza foi unha das cuestións abordadas na última Xunta de Seguridade Local, que tivo lugar a finais de outubro e que contou coa participación da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e representantes da Policía Local e da Garda Civil.
"O documento permitirá unha maior coordinación entre as forzas de seguridade, especialmente en cuestións como o control da contaminación acústica durante as noites, xa que, deste xeito, a Garda Civil contará cunha ferramenta coa que poder velar polo cumprimento dos límites neste eido", apunta a edil do goberno local.