A radio, ese medio que amenizaba as comidas de Lores de neno e agora acompaña a Lupe Murillo ata o Parlamento
Por Redacción
O vindeiro 15 de xaneiro de 2023, a radio estará de aniversario en Galicia. Cumpriranse 90 anos do día de 1933 no que empezou a emitir a primeira emisora en Santiago, Radio Galicia (EAJ 4), impulsada polo movemento galeguista. Para lembrar esta data, e para achegar aos máis pequenos a historia e as historias que este medio de comunicación deixou na súa contorna máis próxima, este luns chegou ao CEIP A Xunqueira 2 o programa 'Radioemociónate'.
A través deste programa, alumnado de sexto de primaria deste centro puido coñecer, por exemplo, que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, de pequeno, "escoitaba a radio á hora de comer ou de cear, escoitaba o que se chamaba o parte" e prestaba especial atención ao tempo. "Daquela non tiñamos os móbiles para consultar o tempo", lembrou e unha familiar que vivía con el, Obdulia, tiña especial interese en saber se ía chover ou facer sol, de maneira que, cando chegaba o momento de dar as predicións, "mandaba calar a todos".
Tamén souberon que Lupe Murillo, presidenta do Pontevedra CF e de Conservas Pescamar e deputada do PP no Parlamento de Galicia, aínda segue a escoitar a radio cando acode en coche a Santiago para as súas actividades políticas.
O programa forma parte dun proxecto da Asociación Ondiñas, Si Radio de Galicia e a Consellería Educación con motivo deses 90 anos da radio en Galicia e a vindeira semana tamén chegará ao CEIP de Lérez. Ademais, estivo acompañado dunha exposición sobre a historia da radio con cinco aparellos antigos e explicacións sobre o funcionamento deste medio de comunicación.
Este luns, durante hora e media, o alumnado de sexto de primaria de A Xunqueira 2 foi o protagonista. Nun programa conducido pola xornalista Amparo Rodríguez Ojea, entrevistou a Lores, a Lupe Murillo e a dous xornalistas, o director de Diario de Pontevedra, Miguel Ángel Rodríguez, e a xornalista de PontevedraViva Natalia Puga, a quen definiron como a "cazadora cazada" en alusión a que adoita ser ela a que fai as preguntas.
O programa comezou escoitando as voces das familias do alumnado e os seus recordos coa radio e serviu para rescatar da memoria as lembranzas dos entrevistados ao carón dun aparello de radio, como aqueles tempos nos que Miguel Ángel Rodríguez escoitaba as noticias "á hora de merendar" e tivo os seus primeiros contactos co mundo dos deportes, pois tan só a través da radio podía seguir os partidos dos seus equipos favoritos.
Lupe Murillo, de quen Amparo Rodríguez Ojea destacou que é unha "muller valente e decidida" que pasou da avogacía e da docencia a dirixir o Pontevedra e Pescamar, confesou ao alumnado que de pequena quería ser médica, mentres que Lores quería ser bombeiro ou piloto, Miguel Ángel Rodríguez tiña o soño de ser futbolista ou condutor de camións e Natalia Puga era máis partidaria de ser mestra.
O alumnado tamén fixo un repaso pola actualidade de Pontevedra, da que Lores destacou que é unha "cidade respectuosa co medio ambiente na que se respira aire puro todos os días", aínda que "quedan moitísimas cousas por facer". Da man do alcalde, e dos seus chistes e anécdotas, coñeceron que nos primeiros anos do novo modelo urbano houbo xente que se opuxo porque "a xente é moito de costumes", pero tamén persoas destacadas como o dono da libraría Viñas que defendía o proxecto do Goberno municipal de apostar pola peonalización con exemplos como "a min nunca me entrou un coche na libraría a comprar un libro, entran as persoas".
O completo cuestionario serviu ao alumnado para coñecer que o fillo máis novo do alcalde estudou no colexio A Xunqueira 2, que deixou a Medicina pola política tras 20 anos exercendo e nunca se arrepentiu, pero si que "bota moito de menos as persoas". A relación persoal que tiña cos seus pacientes "era moi agradecida, probablemente máis que a Alcaldía", pero sempre entendeu a política como "unha continuidade da medicina" porque mellorando a cidade "traballo pola saúde das persoas".
Lores confesou que cando tiña 11 anos, a mesma idade que os seus entrevistadores, "o máis lonxe que ía era de Vilalonga a Pontevedra" e foi nesa idade na que empezou a estudar en Pontevedra, deixando un colexio no que había un só libro. E que, cando era neno, "ía recoller algas como abono", pero este mesmo luns, antes de esta entrevista, participou nun proxecto no que presentaban a maridaxe das algas con cervexa.
O alcalde estudou no instituto Valle Inclán, o mesmo de Lupe Murillo e no que tivo que deixar atrás a súa vocación de médica porque non pasaba do 8 en matemáticas. Foi entón cando decidiu estudar algo útil e fixo Dereito. Confesou que lle gusta "moito" estudar e e que a faceta máis difícil de todas as que exerce na súa vida é a de presidenta do Pontevedra, pero "non por ser muller, porque é fútbol".
Precisamente, a súa condición de muller protagonizou parte da entrevista, ao asegurar que traballa en ambientes moi masculinizados como o fútbol e foi a primeira presidenta dun equipo deste deporte en Galicia e tamén vicepresidenta do Teucro e membro da directiva do Obradoiro de baloncesto e "nunca sentín que un home mirara para min de forma distinta" por ser muller.
"Os homes e as mulleres somos distintos e temos os mesmos dereitos", reivindicou, chamando ás mulleres que "esquecer o victimismo" e crer que son capaces de facer o mesmo que os homes e facelo.
Murillo compartiu co alumnado a súa "paixón" pola xestión deportiva e que "a presión, no deporte, é sempre maior", ademais de recoñecer que de pequena nunca se imaxinou dirixindo unha empresa ou un equipo de fútbol. De feito, xogaba ao balonmán e a súa única relación co fútbol nos primeiros anos da súa vida era acompañar a seu pai aos partidos de Pasarón.
O programa tamén se achegou ao mundo xornalístico. Da man de Miguel Ángel Rodríguez souberon da evolución da profesión, pois "das cousas que faciamos cando empecei ás cousas que facemos agora, mudaron moitas cousas, sobre todo tecnoloxicamente". E por Natalia Puga souberon que as redes sociais mudaron "totalmente" o xeito de facer xornalismo, pois agora "todo o mundo se cre xornalista", a inmediatez complica o traballo, todo o mundo opina e hai moita desinformación ao publicar cousas non contrastadas. "Por iso é moi importante que se informe de xeito profesional", sinalou.
O director de Diario de Pontevedra confesoulles que o seu posto esíxelle "estar moi pendente do que acontece", pero que a el gústalle moito esta faceta, pois "os xornalistas somos curiosos profesionais, gústanos por vocación estar enterados". A xornalista de PontevedraViva recoñeceulles que a súa vocación naceu por "unha curiosidade imposible de apagar".
O xornalismo, en opinión de Natalia Puga, non é un profesión moi valorada, "sobre todo en España, está denostada e non especialmente ben tratada. Todo o mundo nos dá leccións todos os días". Ademais, moita xente confunde ser xornalista con ser paparazzi, sobre todo no caso dos compañeiros gráficos.
Miguel Ángel Rodríguez explicoulles que a súa edición dixital ten máis público que o xornal en papel e permite chegar máis lonxe, pero mantén o seu compromiso coa contorna "máis próxima", pois "falamos do cercano, do que nos pasa todos os días". O seu papel foi fundamental durante a pandemia, un dos momentos máis complicados que este experimentado xornalista viviu na súa carreira.
O impacto de Internet é evidente e Natalia Puga destacouno, sinalando que "nuns anos" a prensa en papel desaparecerá "tal como a coñecemos agora", pero non de todo, apostando por semanarios ou publicacións de análise, pois "a necesidade de informarse sempre está aí".
Relacionadas:
-
Familias alertan de problemas para conciliar pola liberdade de cada centro para elixir os días sen cole da ponte da constitución
Por Redacción |
-
Ponte Sampaio, Arcade e Paredes seguen cun profundo cheiro a queimado e o medo no corpo
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Arde unha nave anexa á antiga fábrica de cerámica de Pontesa
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz | Creada e actualizada