Familias alertan de problemas para conciliar pola liberdade de cada centro para elixir os días sen cole da ponte da constitución
Por Redacción
O mes de decembro comezará cunha ponte festiva pola celebración das festividades da Constitución e da Inmaculada Concepción que está a causar máis dun quebradeiro de cabeza ás familias con fillos en idade escolar a causa da conciliación.
Son varios os pais e nais que xa se puxeron en contacto coas autoridades educativas para expresar o seu malestar pola falta de consenso para establecer os días non lectivos desa primeira semana de decembro.
"Todo parece indicar que a Consellería de Educación e a de Política Social permitirá a convivencia de distintos días non lectivos na semana dos festivos de decembro. Esta medida deixa desamparadas ás familias, sobre todo ás máis numerosas, que terán que buscar alternativas de conciliación", denuncia unha nai con tres fillos que, ao estar en diferentes centros e etapas educativas, terán distintos días non lectivos.
Educación deixou aberta ao libre albedrío dos centros educativos a elección de ata dous días non lectivos naquelas localidades nas que as festas locais non coincidiran con días lectivos. Unha laxitude que deu lugar a que cada centro "solicitara a data que considerou máis oportuna, sen atender a ningunha outra implicación social", critica unha das afectadas.
Neste sentido, lamenta a falta de eficacia que están demostrando os Consellos Escolares Municipais, as asociacións de pais e nais e as institucións. "Hai familias que teñen ao mesmo tempo fillos en centros de educación infantil (dependentes de Política Social), fillos en centros da ESO, fillos en centros de bacharelato ou fillos no conservatorio de música. E cada un destes centros solicitou libremente o día que considerou", exponen.
Por iso, os afectados esixen "buscar un consenso ou, se non é posible, que dende as consellerías de Educación e Política Social se impoña a data solicitada maioritariamente". Alegan que "non se pode sumir neste caos ás familias que se verán obrigadas a dispoñer de varios días libres para atender por separado á cativada".