Formoso visita a sede central de Froiz e aposta polo potencial de Galicia para ser líder da distribución alimentaria
Por Redacción
Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, visitaba este venres a sede central da cadea de supermercados Froiz, situada en Lourido (Poio). Alí encomiou o traballo que desenvolve esta empresa galega e subliñou o potencial que ofrece Galicia para "ser líder" na distribución alimentaria.
O máximo representante do socialismo galego destacaba tamén que este grupo empresarial xera 6.200 postos de traballo directos e ademais desenvolve unha política de "quilómetro cero", cunha aposta por produtos frescos e naturais.
González Formoso tamén recoñeceu a importancia de manter 335 puntos de venda abertos en Galicia, entre establecementos directos e franquías de Froiz. Por este motivo, o líder socialista lembrou a necesidade de que as institucións apoien este sector da distribución alimentaria ao ter un importante "aspecto estratéxico para a posta en valor da produción agroalimentaria".
Para potenciar a expansión das distribuidoras galegas ao resto do Estado, Valentín González Formoso considera que é preciso o respaldo administrativo xa que son un "cabalo de Troia dos excelentes produtos galegos", de maneira que permiten a exportación e a apertura de Galicia a novos mercados.
Leticia Gallego e Paloma Castro, parlamentarias do PSdG na cámara autonómica; Gregorio Agís, candidato socialista á alcaldía de Poio; e a secretaria de Emprendemento e Dinamización Económica da Executiva Nacional do PSdeG, Mónica Rodríguez, acompañaron a Valentín González Formoso durante a visita na que mantiveron un encontro con José Froiz Prieto, director xeral do grupo Froiz; Andrés Blanco Montenegro, director de xestión, e outros integrantes da empresa como a directora de RSC e Relacións Laborais, Silvia Pérez.