Arjen di adeus á súa panadería: "mellor parar e empezar a gozar da vida"
Por María José Pita
O pasado mes de maio, PontevedraViva publicaba o chamamento de Arjen Jaarsma para evitar o peche inminente do seu obradoiro artesán.
En apenas dez días, este mestre panadeiro holandés afincado en Galicia desde hai 30 anos conseguía o seu obxectivo: aumentar os pedidos e con iso reflotar a súa empresa, Pandarán Forno Integral.
"No mes de maio os pedidos aumentaron un 25%, o xusto para quedar a pre", manifesta Arjen Jaarsma en conversación telefónica desde o seu obradoiro no Polígono do Racelo (A Lama). Pero desde entón "houbo tres meses que foron igual de malos, e outubro e novembro foron moi malos, así que decidimos pechar porque eu xa estaba moi cansado de todo". Esta decisión facíaa pública nas redes sociais o pasado domingo, aínda que xa un mes antes informara os seus clientes e provedores.
A suba dos prezos das materias primas e da enerxía foi unha merma nos últimos tempos, pero a principal razón deste peche atópase na baixada das vendas, coa que Arjen leva pelexando os últimos cinco anos, cando tivo que despedir ao seu compañeiro no obradoiro e asumir en solitario tanto o forno como toda a parte administrativa e loxística da empresa, incluídas algunhas reparticións.
"Sobre todo é que non dá, se dese moito diñeiro contrataba máis xente e podíao ter máis relaxado, como non dá, debo traballar moito e non vexo un horizonte de que isto vai mellorar, mellor parar e empezar a gozar da vida".
A pesar deste cansazo, Arjen quere pechar a empresa dun xeito ordenado. A mensaxe do pasado domingo tiña un dobre sentido: por unha banda, dar unha oportunidade á clientela para que encargue os últimos pans e, por outra, lembrar que "se para as persoas son importantes os pequenos produtores, que consuman consciente".
Arjen fai un chamamento á poboación para que merque en tendas locais. "Eu traballo sobre todo con pequeno comercio e deixouse de vender moito. Teño unha clientela moi fiel pero non me chega", laméntase. "É a gran dificultade en moitísimos pequenos comerciantes, sobre todo se levan anos indo moi xustiño, que xa non teñen colchón e pásano moi mal. Despois hai outros que aguantan porque non teñen alternativa".
Arjen calculaba que, unha vez anunciado o peche, nesta última semana se incrementasen os pedidos "un 20% máis de venda que unha semana normal, e estamos ao 50% máis que o normal e non dou abasto, estou a facelo todo só". Por iso esta semana está a ser especialmente dura. Este xoves será a última repartición na cidade de Pontevedra e arredores.
Con respecto ao futuro inmediato, o mestre panadeiro reivindica que "as novas normativas deberían ser moito máis amables co pequeno negocio que pecha e quéreo pechar polas boas" xa que, unha vez marcada no calendario a data de cesamento de actividade e acollido a un preconcurso, aínda lle agardan meses de xestións. "En tres ou catro meses espero ter todo liquidado, todo ben. Hai negocios que poden cesar a súa actividade e pechar, pero só se tes moito diñeiro, se non, para facer ben o peche necesitas deixar pasar uns meses".
A próxima semana péchase a produción pero "a empresa segue funcionando ata que estea todo liquidado, debemos empezar a buscar compradores para todo o que temos".
Arjen Jaarsma foi testemuña do peche de moitas tendas ás que fornecía, por iso bríndanos unha reflexión final: "non se pode pechar unha empresa en falso, hai moita dor, teño un amigo que se foi polas malas e dez anos despois segue con xuízos. Por iso é moi complicado o peche para as pequenas empresas, porque se pechas mal, dez anos despois estás hipotecado".