Santa Clara conservaba elementos orgánicos infrecuentes noutras escavacións galegas
Por Redacción
Aldara Rico, responsable de Conservación e Restauración no traballo de campo do convento de Santa Clara, protagonizaba este martes a charla 'Compoñendo quebracabezas', un acto organizado pola Deputación e o Museo de Pontevedra para explicar os labores realizados neste espazo durante os últimos meses.
Ao longo da intervención, a relatora destacaba que se atoparon elementos orgánicos como madeiras, ósos e material téxtil, que son infrecuentes noutras escavacións que se realizan en Galicia, debido ás características do terreo galego.
A experta resumiu #ante o público a análise realizada aos materiais orgánicos durante os traballos; o tratamento das cubertas das sepulturas e outros artefactos ornamentais que apareceron no convento e que non se atopan directamente relacionados co material de construción do edificio. Tamén detallou o proceso realizado desde a aparición deses elementos ata o seu estudo no laboratorio.
Explicou tamén a importancia dos enterramentos achados no recinto e os materiais que se atopaban vinculados como sudarios ou alfinetes. En concreto, sobre o sudario apuntou que se descoñece con exactitude o tipo de tecido que o formaba porque se atopaba completamente mineralizado aínda que mantén a forma das fibras. Este elemento foi enviado ao Museo tan pronto apareceu. Rico indicaba tamén que os restos de ósos das persoas enterradas atópanse en moi mal estado de conservación, salvo ao redor do cranio.
Outro elemento que destacou foi o da cerámica atopada por ofrecer unha gran variedade de procedencia. O seu tamaño permite obter información que habitualmente non é tan coñecida nas escavacións que se realizan en territorio galego.
As charlas informativas continuarán o xoves 1 de decembro ás 19.30 horas coa intervención de doutóraa Olalla López e Clara Veiga, que ofrecerán datos do convento desde o punto de vista antropolóxico nunha conferencia que levará por título ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’.
Relacionadas:
-
Santa Clara celebra un ano de apertura ao público integrándose no Museo de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz & Mónica Patxot |
-
Sete horas ao día para traspasar de novo os muros de Santa Clara
Por Redacción |
-
Os segredos que revelaron as escavacións de Santa Clara, ao descuberto
Por Redacción |
-
Santa Clara celebrará o seu primeiro ano 'público' con visitas guiadas e faladoiros sobre a súa historia
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Museo de Pontevedra publica a terceira peza da súa triloxía sobre as escavacións en Santa Clara
Por Redacción |
-
Atopan nas escavacións de Santa Clara un anel de ouro que "ten como mínimo 500 anos"
Por Diego Espiño |
-
O protagonismo feminino no convento, eixo do segundo vídeo sobre as escavacións de Santa Clara
Por Redacción |