O Carabela 2.0 preséntase en sociedade: "Quixemos manter a súa esencia pero dotándoo de certa modernidade"
No medio dunha gran expectación este mércores reabriu as súas portas o Carabela. Tras dous anos pechada, a emblemática cafetería da Praza da Ferrería iniciou unha nova etapa. Faino con aires renovados e un concepto similar aos clásicos bistrós parisienses.
En apenas uns minutos, todas as mesas deste "Carabela 2.0", como o describe o seu propietario, Miguel Álvarez, foron ocupados por clientes ávidos de coñecer o novo local, que non perderon detalle de todos os cambios que sufriu o establecemento.
"Sabemos que houbo bastante polémica coa renovación", recoñece o empresario, que explica a PontevedraViva que o local estaba "nun estado lastimoso" cando se fixeron cargo del. "Estaba moito peor do que pensabamos", sinalou.
O cambio foi "total e absoluto", ao renovarse a estrutura, as acometidas e todas as súas instalacións. Iso si, "adaptándoo ao espírito inicial que tivo" cando abriu como cafetería e restaurante alá polo ano 1946.
Miguel Álvarez, responsable entre outros de La Pepita en Santiago, sostén que este novo Carabela "é máis moderno e, á vez, tamén tradicional porque mantén a esencia que tiña o local".
Na nova decoración hai diversas chiscadelas á historia da cafetería. Así, todo o seu persoal viste unha chaquetilla que emula ao uniforme clásico do local, a tapicería e a distribución dos sofás é parecida á orixinal e o tipo de chan "é bastante similar", segundo o seu responsable.
"Hoxe en día todo o vintage está de moda e todo isto encaixaba bastante ben", sinala Álvarez, que destaca á entrada do establecemento colocáronse reproducións do histórico mural, o friso de Conde Corbal que recubría a parte superior da barra.
Esta peza, segundo o propietario do novo Carabela, foi cedida ao Concello de Pontevedra para que, posteriormente, poida exhibirse no Museo. Desde esta última institución aclaran que, por agora, non houbo contactos formais ou informais para o seu depósito.
Fontes consultadas por este xornal aseguran que o mural se atopa actualmente en mans da familia Alvariño, propietarios do Carabela durante varias xeracións.
Outro dos grandes cambios é que este Carabela "é máis restaurante e non tanto cafetería". Abrirá de 13:30 a 16:00 horas e de 20:00 a 23:30 horas cunha oferta gastronómica pensada para "compartir e tapear" desde unha perspectiva "máis informal".
Non faltarán, iso si, dous clásicos da súa carta: o bocadillo de calamares e os callos.
Nos seus primeiros días, o Carabela só abrirá a terraza situada nos soportais anexos. Unha vez se resolvan diversos trámites administrativos, que os seus propietarios esperan completar a próxima semana, ocuparán o seu tradicional espazo na Praza da Estrela.
Aos seus clientes, que nestas primeiras horas non deixaron de achegarse para esculcar o resultado desta reforma, Miguel Álvarez dilles que "o fixemos con todo o agarimo", tratando de "manter a esencia o vello Carabela pero dotándoo de certa modernidade".
"É un Carabela renovado que está para que poida ser gozado por todos os pontevedreses", sentencia o empresario.
Relacionadas:
-
O Carabela presenta novas propostas gastronómicas: carta renovada, menú especial cada día e 'vermuteo'
Por Noticia patrocinada |
-
Así é por dentro o novo Carabela, que abre as súas portas este mércores 7
Por Redacción |
-
Un renovado Carabela reabrirá en xuño as súas portas convertido en gastrobar
Por Manu Otero |