O chapapote regresa á costa da Illa de Arousa mesturado con algas e investigan un barco de Vigo
Por Natalia Puga
Vinte anos despois de que a catástrofe do Prestige cubrira de chapapote a costa galega, na Illa de Arousa volven rememorar aqueles duros momentos. Este martes, apareceron en dúas das súas praias, Ribeira do Chaso e O Campo, galletas de fuel mesturadas con algas.
O propio Concello da Illa de Arousa denunciou o ocorrido e oito operarios da brigada de Obras traballaron sen descanso desde a súa aparición para retirar os restos de chapapote da praia e devolverlle o seu estado natural, apoiados tamén pola Confraría. O alcalde, Carlos Iglesias e o edil de Obras, Luis Arosa, mantivéronse durante toda a mañá na praia supervisando os traballos.
Salvamento Marítimo desprazou a súa embarcación Salvamar Sargadelos e o servizo de Gardacostas de Galicia ao helicóptero Pesca1 para avaliar a existencia de restos no mar.
Paralelamente aos traballos de limpeza, hai xa aberta unha investigación para determinar a orixe do fuel. Fontes oficiais da Subdelegación do Goberno en Pontevedra confirman que se está a investigar un barco de Vigo como posible causante do sucedido.
Así, este barco notificou o pasado domingo unha limpeza de sentinas e agora a Capitanía Marítima de Vigo da Dirección Xeral da Marina Mercante investiga a posible relación co chapapote que chegou ás praias arousanas. .
O goberno local da Illa de Arousa solicita á Subdelegación do Goberno que manteña a investigación aberta para determinar as causas .
Ademais, agradece a axilidade da Subdelegación na cesión de medios ao Concello da Illa para proceder a limpeza dos areais no caso de que se acheguen ás costas da Arousa novos restos.
O alcalde agradece tamén a permanente comunicación establecida na xornada deste martes, a través da que o goberno local tivo coñecemento da retención dun barco en Vigo.
Relacionadas:
-
Imaxes e lembranzas da catástrofe do Prestige chegarán ao Pazo da Cultura con 'Sempre Máis'
Por Redacción |
-
O barco que derramou 150 litros de fuel en Ons abandona o porto de Vigo
Por Alejandro Espiño |
-
A aparición de dúas novas manchas de fuel en Arousa forza o peche de bateas
Por Alejandro Espiño |
-
O litoral da Illa de Arousa recupera a normalidade despois dunha segunda xornada de limpeza de fuel en dúas das súas praias
Por Redacción |
-
Abren expediente a un buque por verter fuel ao mar e investigan a súa relación co chapapote da Illa
Por Natalia Puga |