A Xunta avalía coa comunidade educativa as futuras melloras no colexio A Florida
Por Redacción
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este venres o colexio CEIP Plurilingüe A Florida acompañado do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; e a concelleira de Educación, Paz Lago, onde avaliou coa comunidade educativa melloras neste centro.
O representante de Educación da Xunta tivo ocasión de percorrer o centro e escoitar as demandas do equipo directivo para ter en conta á hora de planificar actuacións de futuro no que é un dos colexios máis antigos de Sanxenxo, que acolle a máis de 200 alumnos.
Román Rodríguez aproveitou para destacar o dinamismo deste centro, que participa en moitos dos programas educativos da Consellería, como é o caso dos Club de Ciencia, Contratos Programa tanto no eido da Inclusión como da Innovación, o libro dixital E-dixgal ou o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.
O colexio tamén é un dos seleccionados por Educación para a dotación do Polo Creativo, una novidosa iniciativa posta en marcha por primeira vez este ano e que supón contar cun espazo de innovación educativa con equipamento especializado para traballar as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), a co-creación, a resolución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Conta, ademais, cun auxiliar de conversa para levar a cabo o seu proxecto plurilingüe.
Entre as actuacións da Consellería de Educación nos últimos dous anos en Sanxenxo, cómpre destacar a construción do novo colexio Cruceiro (cun investimento de 5,25 millones de euros), a rehabilitación integral do colexio de Portonovo (con preto de 800.000 euros) e a substitución da cuberta do instituto de Vilalonga (365.000 euros).