A proposta pedagóxica dos "polos creativos" implantarase nos colexios de Pontevedra e Arousa
Por Redacción
A Xunta de Galicia aprobou a implantación de quince polos creativos que estrearán o vindeiro curso escolar colexios e institutos da cidade de Pontevedra e a súa contorna, doce en Arousa e un na comarca de Caldas. Estas actuacións forman parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que tamén inclúe a execución de pistas multideporte.
No caso dos polos creativos, o obxectivo principal é consolidar a Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ao proceso de ensino-aprendizaxe no sistema educativo público. A primeira fase de implantación chegará este setembro a un total de 138 centros educativos galegos.
No que atinxe ás pistas multideporte, trátase dunha acción da Xunta en colaboración cos concellos, aos que financia ata o 85% destes espazos multifuncionais para o uso compartido entre a comunidade educativa e a cidadanía en xeral. O obxectivo é promover unha vida sa entre o alumnado e permitir a práctica dun mínimo de cinco deportes nun espazo polifuncional.
Na cidade de Pontevedra contarán con polos educativos os IES A Xunqueira I, A Xunqueira II, Sánchez Cantón e Montecelo, así como os CEIP San Martiño, Parada-Campañó e Plurilingüe Froebel.
Tamén o farán varios colexios da súa contorna: o CEIP A Lama, o CEIP Plurilingüe da Torre - Cela de Bueu, os CEIP Plurilingüe de Carballedo e Plurilingüe de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, o CEIP da Laxe e o CEP de Sequelo, ambos de Marín, o CRA de Vilaboa Consuelo González Martínez e o CEIP Plurilingüe A Reigosa, en Ponte Caldelas.
Na comarca de Caldas será o IES de Valga o que conte cun deles.
Na comarca do Salnés promoveranse en doce colexios e institutos: o CEIP da Torre-Illa e o IES da Illa de Arousa; os CEIP Plurilingüe de Castrelo, CEIP de Corvillón, CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro e CEIP San Tomé, de Cambados; o CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas; o IES Plurilingüe As Bizocas de O Grove; o CEIP Plurilingüe A Florida de Sanxenxo; os CEIP Viñagrande-Deiro e CEE de Vilagarcía de Arousa; e o IES A Basella de Vilanova.
Así mesmo, a comarca do Salnés contará cunha pista multideporte no CEIP de San Roque - Coirón de Vilanova de Arousa.
POLOS CREATIVOS
Os polos creativos terán un deseño modular e innovador acorde co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotados de equipamento especializado e organizados didacticamente para o fomento da creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo manipulativo.
Serán centros de actividades nos que se abordarán aspectos como a intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual ou a robótica, entre outros.
Nos centros seleccionados nesta primeira fase en toda Galicia, a Consellería de Educación despregará arredor de 22.000 unidades de material e equipamento especializado. Entre eles máis de 1.800 robots ou kits de robótica, máis de 2.100 elementos de equipamento audiovisual, preto de 1.000 tablets e 140 taboleiros interactivos, más de 500 elementos de corte por control numérico, escaneado e impresión 3D e unhas 9.000 unidades de mobiliario avanzado, flexible e innovador.
Relacionadas:
-
Iluminación LED para o pavillón do colexio A Florida á espera da reforma integral do centro
Por Redacción |
-
Técnicas de innovación educativa para analizar a seguridade viaria no CEIP de Parada-Campañó
Por Redacción |
-
A Xunta avalía coa comunidade educativa as futuras melloras no colexio A Florida
Por Redacción |
-
As Axudas para a Escolarización Infantil en Vilagarcía pódense pedir a partir do 1 de setembro
Por Redacción |