Técnicas de innovación educativa para analizar a seguridade viaria no CEIP de Parada-Campañó
Por Redacción
Ao longo deste curso, nove Polos Creativos establecidos en cinco institutos e catro colexios públicos do municipio de Pontevedra desenvólvense para fomentar a innovación educativa, dentro dun programa promovido pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade da Xunta de Galicia.
O CEIP de Parada-Campañó é un dos seleccionados para esta iniciativa. Luís López, delegado territorial da administración autonómica, e César Pérez, xefe territorial de Educación, achegábanse este martes polo centro, un dos 225 que traballan este programa en Galicia, para analizar o funcionamento destas técnicas.
No caso do colexio de Parada-Campañó trabállase a seguridade viaria, ao tratarse dun centro público que se atopa afectado pola proximidade dunha estrada cun elevado volume de tráfico rodado. Neste caso, céntranse na realización de podcasts informativos; a creación dun circuíto de educación viaria e o deseño de material de concienciación sobre seguridade na estrada, entre outras propostas.
188 estudantes do CEIP pontevedrés traballan neste proxecto dun programa no que tamén participan outros centros como os institutos Xunqueira I e II; Sánchez Cantón; Montecelo e Frei Martín Sarmiento; ademais dos colexios San Martiño; Froebel e Xunqueira 2. Outros oito centros da contorna, situados en Bueu, A Lama, Marín, Cerdedo-Cotobade, Vilaboa e Ponte Caldelas tamén contan con este programa.
Os Polos Creativos preséntanse como espazos de innovación educativa nos que se desenvolven competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía e Matemáticas), ademais de co-creación, solución de problemas reais e pensamento de deseño e habilidades coa utilización de equipamento especializado para cada un dos centros.
A Xunta proporciona centros de robots; elementos audiovisuais de última xeración; material para corte, escaneado e impresión 3D; tabletas dixitais e mobiliario específico para a práctica de proxectos que fomenten a creatividade e a tecnoloxía.
Relacionadas:
-
Preocupación no CEIP Parada-Campañó pola falta de seguridade viaria no acceso ao centro escolar
Por Redacción |
-
Adxudicadas as obras para mellorar a mobilidade da contorna do colexio de Campañó
Por Natalia Puga |
-
A proposta pedagóxica dos "polos creativos" implantarase nos colexios de Pontevedra e Arousa
Por Redacción |