Traballadores do Consorcio de servizos de igualdade e benestar recriminan a Rueda que "non escoita a súa xente"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Entre berros de "Señor presidente, non escoita a súa xente" y "Rueda, escoita, o Consorcio está en loita", un grupo de traballadores do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar despediron o presidente da Xunta de Galicia, despois da súa visita deste venres á residencia de maiores de Campolongo.
Os manifestantes despregaron dúas pancartas ás portas do centro e pretendían poder falar con Rueda, pero el non se detivo e, ao remate, quedaron frustrados.
Elia Ladra, traballadora do Consorcio e membro do comité de folga explicou que, despois de máis de tres meses de folga, "intentamos case como último cartucho manter unha reunión co presidente da Xunta", enviáronlle correos electrónicos, falaron coa súa secretaria e non o conseguiron. Este venres, de novo, tampouco.
A pesar de que non conseguir poder falar con Rueda, avisan que van "seguir loitando na rúa, nos xulgados e onde faga falta porque o que pasa con nós é unha inxustiza".
Desde o mes de setembro, realizan medidas de presión que foron en aumento e que inclúen folgas cada 15 días, unha protesta "moi dura" coa que buscan que o Consorcio, dependente da Xunta de Galicia e co pontevedrés Perfecto Rodríguez á fronte, garanta unha convocatoria única e específica, unha oposición non eliminatoria para a regularización dos seus postos de traballo. Piden que lle contabilicen formación impartida polo Consorcio, a retirada do concurso de traslados e un baremo "xusto" que prime a experiencia, entre outras cuestións.
Así, cuestionan que no proceso selectivo do Consorcio non se lle prima a experiencia específica no seu posto de traballo, algo que ven inxusto. "Non entendemos por que, non sei se é porque a maior parte de nós somos mulleres ou se hai outros motivos que descoñecemos, pero desde logo nos sentimos discriminadas", aseguran.
Durante a visita á residencia, Rueda estivo acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García. A preguntas da prensa, respondeu que "estamos en contacto permanente cos traballadores, estamos á espera de poñer en marcha esas oposicións que son necesarias porque así no lo esixe a normativa estatal".
"Quero trasladarlles esa tranquilidade porque queremos que a maioría de traballadores permanezan porque cando vamos a un centro de día, unha residencia ou escola son os usuarios os que trasladan que nenos e maiores están ben atendidos", comprometeuse, e lembrou que desde o Consorcio "temos a obriga legal de cumprir escrupulosamente as normativas e sacar esas prazas a oposición".
Relacionadas:
-
Seis mil cartas, doces, artesanía e moito agarimo para "devolver aos maiores ao centro da vida na sociedade"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Catro millóns de euros para reformar a residencia de Campolongo e "que siga sendo unha referencia" 30 anos despois
Por Natalia Puga |
-
Corte de tráfico en Padre Amoedo polas traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar
Por Oskar Viéitez |
-
O luns 5 comeza a folga nas escolas 'Galiña Azul' por abuso de temporalidade
Por Redacción |