Presentan ante os veciños de Bueu o proxecto de mellora ambiental no Paseo de José Solla, entre Agrelo e Portomaior
Por Redacción
O Concello de Bueu presentou a representantes veciñais e cidadáns do municipio o proxecto de mellora ambiental que se pretende acometer no Paseo de José Solla, que una as praias de Agrelo e Portomaior.
O proxecto contempla ordenar preto de 800 metros cadrados con criterios de mobilidade sostible e ambiental.
"O obxectivo é ofrecer unha imaxe totalmente diferente deste paseo que se usa cada vez máis por parte da veciñanza e das persoas visitantes, e que suporá seguir medrando como vila", sinalou o alcalde, Félix Juncal.
Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, foi o encargado de explicar o proxecto elaborado pola consultora Enurcoin a pedimento do Concello e que está valorado en 1,3 millóns de euros.
Consistirá na implementación dunha plataforma única con espazos diferenciados para vehículos e peóns nunha franxa, con prioridade para viandantes e ciclistas restrinxindo o paso dos coches aos estritamente necesarios e a unha velocidade reducida. A actuación tamén prevé a instalación dunha bancada con vistas ao mar na contorna do Centro de Interpretación de Agrelo, así como a dotación de mobiliario urbano e árbores.
"O tránsito rodado seguirá existindo pero doutra forma", xa que "a figura do peón debe ser primordial para deseñar os espazos urbanos", defendeu o edil.
A actuación, segundo avanza o goberno local, preténdese custear concorrendo a subvencións públicas doutras administracións.