O Plan de Prevención de Condutas Aditivas recibe unha subvención da Consellería de Sanidade
Por Redacción
A Consellería de Sanidade vén de facer pública a resolución pola que se conceden as subvencións para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas aditivas promovidos por concellos, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, cunha contía global que nesta convocatoria ascende a 2.513.463 euros.
O departamento da Xunta de Galicia outorgoulle ao Plan Municipal impulsado pola Concellería de Benestar Social de Pontevedra unha axuda de 179.055 euros.
Tal e como apunta o concelleiro socialista Marcos Rey, "o proxecto de Pontevedra foi o segundo que mellor valoración obtivo nesta convocatoria de subvencións, só superado por Vigo (243.646 euros) e por diante de concellos como Santiago de Compostela (173.440 euros) e Ourense (157.898 euros)".
Entre as accións promovidas polo Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditiva inclúense os Obradoiros de Prevención de Condutas Aditivas organizados nos CEIP, IES e CIFP da cidade e dirixidos á poboación estudantil desde 5º de Primaria a 4º da ESO e ciclos de FP. Nestes talleres trabállanse tanto adiccións a substancias, como o tabaco, alcohol ou cánabo, como outras adiccións comportamentais: Internet, móbil, xogo on line, apostas ou compras impulsivas.
Para afondar nestes temas, cada grupo de aula recibe unha formación de 4 horas no caso de Primaria e de 5 horas no caso de Secundaria e FP. Estas sesións adáptanse á súa idade e serven para desmontar mitos e analizar os patróns de consumo e as estratexias publicitarias das diferentes marcas, traballando as consecuencias do consumo ou mal uso e reforzando a actitude crítica para facer fronte á presión grupal. Educadores expertos en prevención de condutas aditivas e cunha ampla bagaxe no traballo grupal encárganse de coordinar estes obradoiros.
Relacionadas:
-
Benestar Social garante que o protocolo de frío vai manterse mentres continúen as baixas temperaturas
Por Redacción |
-
Tres anos de traballo para previr condutas aditivas en Cuntis, Moraña, Portas, Barro e Campo Lameiro con 30 accións executadas
Por Redacción |
-
Unha acción informativa no 'Botellódromo' tratará de previr o consumo de substancias aditivas
Por Oskar Viéitez |