RADIO.- A Asociación de Canteiros reclama conversar coa Consellería de Educación sobre o futuro da Escola de Poio
Por Redacción
Unha ocasión máis a Asociación de Canteiros de Poio fai unha chamada de atención ás administracións competentes sobre a xestión e futuro da Escola de Canteiros. A novidade respecto a ocasións anteriores en que tamén se puxeron ante os micrófonos de PontevedraViva Radio é o traspaso de competencias. O pasado xullo Xunta e Deputación rubricaron o protocolo para traspasar a titularidade da Escola á administración autonómica.
Naquel momento sinalábase que a intención do goberno galego é impulsar os ensinos de Formación Profesional, analizando que ciclos impulsar e consultando co empresariado do sector. A este respecto, Javier Diéguez, vicepresidente da Asociación de Canteiros de Poio di no podcast que "pode ser boa noticia, depende como sexa o traspaso e como se leve a cabo. O máis importante é o ensino, unha boa formación para o futuro e non buscar intereses políticos".
Con ese fin consideran que esta Asociación sería un interlocutor axeitado para canalizar a planificación formativa. "Gustaríanos poder ter ocasión de falar co conselleiro para saber que pretenden facer coa Escola", solicita Manuel Sestelo, presidente da Asociación.
Este mesmo curso 2022-23 o IES Ribeira do Louro do Porriño comezou a impartir un ciclo medio dual de pedra natural en colaboración co Clúster do Granito. Os participantes nestas 'Conversas na Ferrería' estiman que: "é diferente o que se expuxo en Porriño e a Escola está centrada na parte máis artística da pedra e na restauración do patrimonio".