Un atracador armado e encapuchado asalta unha gasolineira de Vilagarcía
Por Redacción
A Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa mantén aberta unha investigación para localizar a un atracador que na tarde deste martes asaltou a gasolineira GALP de Rubiáns, nesta localidade.
O sospeitoso ao que buscan chegou ao establecemento sobre as seis da tarde deste martes co rostro parcialmente cuberto cunha carapucha e cunha arma na man que, segundo todos os indicios, podería ser simulada.
O home levou todo o diñeiro que había na caixa e, a continuación, fuxiu a pé a través da zona boscosa próxima á gasolineira.
A pesar de que desde o establecemento deuse aviso inmediato á Policía Nacional e púxose en marcha un operativo de procura, non lograron dar co sospeitoso e a procura continúa.
Os investigadores continúan realizando indagacións e puideron visionar a gravación das cámaras de seguridade.