O servizo de teleasistencia da Deputación de Pontevedra rexistrou este ano 7.528 alarmas
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva fixo balance do funcionamento do servizo de teleasistencia domiciliaria dirixido ás persoas maiores ou con discapacidade que vivan soas ou ás persoas que estean acompañadas e teñan as súas facultades moi mermadas para valerse na vida cotiá.
Trátase de instalar un dispositivo no domicilio da persoa usuaria que permita de ser necesario a mobilización de recursos ante unha situación de emerxencia ou necesidade no domicilio.
Este servizo leva a cabo por medio dun convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e 45 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, e que este ano atendeu a 766 usuarios.
Segundo os datos ofrecidos este xoves en rolda de prensa o servizo de Teleasistencia rexistrou este ano 7.528 alarmas, emitíronse 45.226 chamadas e realizáronse 49 visitas domiciliarias.
O 84,5% das persoas usuarias son mulleres e a media de idade é de 84 anos. O 95,4% dos usuarios son persoas maiores de 65 anos, o 2,1% son persoas enfermas crónicas e o 2% restante son persoas con algún tipo de diversidade funcional.
Respecto a as 7.528 alarmas recibidas o 25 son alarmas técnicas sendo o 75% restante pulsacións dos propios usuarios que activan nos seus dispositivos para pedir información, para comprobar o funcionamento ou simplemente para manter unha conversación coa persoa que atende o servizo.
Carmela Silva destacou que "a valoración das persoas usuarias é de sobresaliente, chegando case á matrícula de honra" tal e como reflicten as enquisas realizadas nas que puntúan globalmente este servizo cun 9,76.
Por último a presidenta da Deputación anunciou que a administración provincial está co proceso para implantar a teleasistencia avanzada "con detectores automáticos para ofrecer un mellor servizo".
A teleasistencia avanzada inclúe a instalación de sensores que melloran a súa seguridade e que se monitorizan, como detectores de fume ou de gas, a xeolocalización as 24 horas do día mediante un GPS similar a un teléfono móbil, mesmo sensores de caídas, ou detectores de falta de movemento no baño, por exemplo, durante 10 minutos.
"A teleasistencia salva vidas", asegurou Carmela Silva.