Bueu reparte 3,6 millóns de euros: "Xa tiñamos preparadas as botellas por se tocaba algo"
Por Diego Espiño & Anxo Lourido
O cava bañaba na mañá deste xoves a oficina da administración número 1 de Lotería de Bueu, situada en Montero Ríos. Non era para menos. Venderan 18 series do 25296, o último cuarto premio que saía no sorteo da Lotería de Nadal. En total, 3,6 millóns de euros repartidos entre particulares.
Sheila Souto Piñeiro, empregada da administración, mostrábase feliz: "estabamos aquí sentadas coa Primitiva e chámannos da tele para dicir que deramos o cuarto premio. Como? e xa nos comezou a chamar toda a xente".
En setembro, tras o traspaso da administración, abriron as súas portas e xa poden considerarse repartidoras de fortuna porque o 6 de decembro deron o premio especial da Lotería. "Dous premios en dúas semanas, mellor apertura... imposible", afirma Sheila Souto cun sorriso.
Tanto a loteira como as empregadas desta administración non quedaron con décimos do número premiado pero saben que moitos residentes de Bueu foron premiados e sospeitan que tamén algúns turistas que, durante o mes de setembro visitaron a vila, tamén levaron boletos do número agraciado.
"O número abonado de Bueu é o seis, vendeuse moitísimo", aseguran indicando que todo se vendeu por portelo. "Xa tiñamos preparadas as botellas por se tocaba algo", explica Sheila entre risas.
Pola oficina de Lotería achégase tamén unha das afortunadas, María Rosa, unha traballadora dunha fábrica centolleira de Beluso. Quería comprobar se era certa a noticia: "tocáronme 20.000 euros por un recibo. Nunca xamais me tocou nada e mira".
Esta muller sufriu unha caída hai unha semana e leva o brazo en cabestrillo. Foi a súa neta quen esta mañá pediulle que lle deixase ver os boletos e quen lle deu a noticia: "Collino por coller. Boto unha bonoloto de dous euros ou unha primitiva e dáme igual uns números que outros".
Sobre a que destinará o premio, aínda terá que pensalo: "non sei que facer, teño catro netos preciosos e un fillo e unha filla", explicaba para indicar que os seus familiares terán "un cariño" nestas festas, que chegaron cun premio debaixo do brazo.
Relacionadas:
-
Un acertante da Bonoloto gaña case 344.000 euros en Marín
Por Redacción |
-
O segundo premio da Lotería do Neno vendeuse na Librería Avenida de Eduardo Pondal
Por Anxo Lourido |
-
Tres millóns en Bueu para o número 25296, un cuarto premio que deixa tamén un belisco na Illa de Arousa
Por Alejandro Espiño |
-
Outro quinto premio, o 87092, tamén se reparte na Illa de Arousa
Por Alejandro Espiño |
-
"Aquí todo Combarro vén a comprar lotaría, non sabemos a quen lle tocou"
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A Lotaría de Nadal deixa un quinto premio na Illa de Arousa, un décimo do número 88509
Por Redacción |
-
Combarro, entre as localidades agraciadas co Gordo da Lotaría de Nadal ao número 05490
Por Alejandro Espiño |