A rede Ágora da Deputación: a revolución do espazo público para as persoas na provincia
A Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público impulsada pola Deputación está a obter os seus primeiros resultados prácticos e vai a supoñer unha verdadeira revolución na recuperación do espazo público en vilas e cidades da provincia. Grazas ás subvencións outorgadas nos dous últimos anos dende o departamento de Mobilidade están xa en fase de transformación 37.600 metros cadrados de espazo público e recuperaranse máis de 15.000 metros cadrados agora destinados aos coches para o tránsito e a estancia de persoas.
O obxectivo é que, unha vez executados todos os proxectos e obras das subvencións de 2021 e 2022 por parte dos concellos, a cifra de metros recuperados para as persoas supere amplamente os 210.000, consolidando así un modelo e unha filosofía na que se busca priorizar as mobilidades naturais (a pé e en bicicleta) fronte as motorizadas co fin de conseguir unha maior calidade de vida e unha maior seguranza viaria.
O modelo Ágora demostra así ser un éxito de implantación. Son 46 os concellos adheridos á rede e a súa resposta ante a concesión de axudas e o interese por transformar os espazos urbanos é máximo. O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, insiste en que hai unha 'onda imparable' de gobernos locais que apostan polo modelo que defende que o espazo público é un dereito das persoas e que deben ser o eixo de todas as políticas de mobilidade e planificación urbana fronte aos vehículos a motor.
O convencemento dos concellos no modelo de mobilidade amable, segundo subliña o deputado, amósase nas importantes partidas dos orzamentos municipais destinadas á transformación urbana. As subvencións concretas da Rede Ágora superan os 3,6 millóns de euros, pero grazas aos proxectos e obras de recuperación do espazo público 'desencadearanse' investimentos que alcanzan preto dos 63 millóns de euros, que se reunirán entre fondos municipais, outros fondos provinciais (Plan Concellos, REACPON...), autonómicos, estatais ou incluso europeos, xa que boa parte das obras encaixan dentro dos obxectivos marcados como prioritarios pola Unión Europea. Lembrou Benítez, de feito, que un dos intereses da Deputación ao lanzar as axudas Ágora a proxectos era que os concellos tivesen en carteira iniciativas coas que poder optar aos fondos europeos.
CRECEMENTO DO 300% DO ESPAZO PARA AS PERSOAS
No caso da convocatoria das axudas Ágora 2022, 28 concellos plantexaron proxectos nos que os metros cadrados destinados ás persoas nestes momentos, 31.101, pasarán a ser 135.853, é dicir, case 105.000 metros cadrados en termos absolutos, ou o equivalente a uns 20 campos de fútbol de tamaño medio, e máis dun 300% en termos relativos.
A maiores, construiranse sendas peonís cunha lonxitude total de 13.599 metros lonxitudinais en nove dos 28 concellos da provincia subvencionados, ben itinerarios continuos de nova creación ou espazos para conectar outros previamente existentes.
A estes datos hai que sumar os de 2021, cando se aprobaron axudas a 31 proxectos e 7 obras que pretendían actuar en 179.000 metros cadrados e recuperar para as persoas 92.000. Todos eles cumpriron os criterios de incrementar máis dun 50% o espazo peonil existente e crear zonas exclusivas para os peóns de máis de 300 metros. De feito, a previsión de incremento de espazo para as persoas é do 231,65% no ámbito de actuación, e no caso das obras, o aumento é do 176,90%.
Relacionadas:
-
Uxío Benítez cifra en 5,3 millóns o investimento realizado para recuperar espazo público na provincia
Por Redacción |
-
Carmela Silva, en Valladolid: "O espazo público é un dereito fundamental como a educación ou a sanidade"
Por Redacción |
-
Responsables da Deputación de Cádiz visitan Pontevedra para coñecer o modelo de mobilidade do Plan Ágora
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Máis provincias do Estado importan o modelo de recuperación do espazo público a Rede Ágora
Por Redacción |
-
750.000 euros de subvencións Ágora irán destinados a gañar espazo público e crear novas sendas peonís
Por Redacción |
-
A Deputación divulga o 'Modelo Ágora' na Universidade Politécnica de Cartagena
Por Redacción |
-
Novo curso da Facultade Ágora na procura de mellorar o deseño urbano máis aló de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Deputación sinala a Vilagarcía como un referente do 'Modelo Ágora'
Por Redacción |