Persoal de ENCE doa xoguetes para 116 escolares ao Banco de Alimentos de Monte Porreiro
Por Redacción
Ás 10.00 horas da mañá, un taxi cargado de agasallos empaquetados chegaba á porta do Banco de Alimentos de Monte Porreiro. Alí esperaba Carlos Diéguez, responsable desta entidade solidaria, xunto ás voluntarias María Rey e Marga Soliño para axudar na recollida destes agasallos doados por traballadores de Ence.
Estes agasallos distribuiranse entre familias con menos recursos para que se entreguen durante estas datas a 116 nenos e nenas, con idades comprendidas entre un e once anos. Trátase dunha colaboración entre persoal de Ence e o Banco de Alimentos que se prolonga no tempo xa que en 2021 tamén apoiaron con agasallos, alimentos e unha cantidade económica a esta iniciativa de axuda ao barrio. "Levan unha tempada portándose xenial connosco", expón Carlos Diéguez, tamén presidente da asociación veciñal O MIrador.
Desde esta organización recoñecen que a crise está a afectar no barrio debido ao aumento do custo da vida. "Hoxe ir ao supermercado con cincuenta euros practicamente non che dá para abrir a porta e os salarios non soben", laméntase Diéguez cando explica como as familias recorren ao Banco de Alimentos para poder chegar a fin de mes.
O momento máis crítico para o responsable do Banco de Alimentos viviuse como consecuencia da pandemia e a proliferación de ERTEs nas empresas. Nos meses máis duros repartiron máis de 200 paquetes de comida cada quince días nesta contorna.
Carlos Diéguez, responsable do Banco de Alimentos de Monte Porreiro: "Oxalá non fose necesario pero, por desgraza, si o é"
Durante estes días tamén están a traballar intensamente. Este xoves repartiron 126 paquetes con alimentos para estas festas do Nadal desde primeiras horas da mañá e ata ben entrada a tarde. "Temos colaboradores particulares fantásticos. A única pena é que non lle podo agradecer persoalmente a axuda porque non queren", afirma Diéguez para explicar que, por exemplo, recibiron unha chamada da residencia de maiores Domus VI indicando que unha señora deixara 50 euros de doazón ao Banco de Alimentos. "Non sabes quen é e saes de alí coas bágoas nos ollos", recoñece sorprendido con estas accións solidarias de carácter anónimo.
"Oxalá non fose necesario pero, por desgraza, si o é", explica mentres comeza a descargar paquetes do vehículo dun taxista que tamén colabora con este organismo de maneira desinteresada sen cobrar o transporte destes produtos que axudan á economía de familias de Monte Porreiro. O Banco de Alimentos conta con oito persoas voluntarias que realizan os traballos de organización e repartición das doazóns que reciben coa intención de que, nestas datas, as familias do barrio esquézanse dos golpes caprichosos da crise.