O mércores chegarán aos mercados 2.700 quilos de vieira
Por Oskar Viéitez
A empresa Porto de Cambados traballa xa cos 2.700 quilos de vieira que un total de 31 embarcacións trouxeron a terra, para que o produto poida ser comercializado a partir do mércores con todas as garantías para o consumidor. Para iso os gardacostas selaron en porto os camións que transportan o bivalvo e os desprecintaron en canto chegaron á planta de eviscerado.
Esta empresa nacida no seo da Confraría de Pescadores de San Antonio de Cambados en febreiro de 2012, ten a responsabilidade de colocar no mercado unha vieira galega que cumpra todos os requisitos sanitarios e de trazabilidade. Por iso é necesario eviscerar, é dicir retirada o hepatopáncreas e os tecidos brandos da vianda que concentran a toxicidade. Unha vez extirpados vólvense controlar os niveis de toxina presentes en cada lote e eliminan os que superen os límites permitidos.
Tras a primeira xornada o sector móstrase optimista e barallan a posibilidade de ampliar a cota a 40 quilos. Cada produtor cobra catro euros por quilo de vieira.