A Xunta revisará o proxecto da reforma do colexio Froebel para acometer unha rehabilitación maior da prevista
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Educación revisará o proxecto da terceira fase da reforma do colexio CEIP Froebel para adaptalo á situación actual do centro.
O ven de anunciar a Xunta de Galicia nun comunicado no que sinala que "a falta de mantemento (limpeza de canlóns e baixantes) da cuberta por parte do Goberno municipal está a ocasionar a entrada de auga no colexio, o que fai preciso unha rehabilitación maior da inicialmente prevista".
Así llo transmitiron os equipos técnicos ao director do centro e á presidenta da Asociacións de Nais e Pais do Alumnado (ANPA) do Froebel na reunión mantida este martes, na que tamén participou o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades en Pontevedra, César Pérez Ares.
Neste encontro, o representante da Xunta explicou que é preciso actualizar o programa de necesidades da futura reforma, así como os prezos, dado que é probable que coa súa actualización a intervención supere o orzamento actual de aproximadamente un millón de euros.
Así mesmo, na reunión lembrouse que "a envergadura da obra suporía o desprazamento do alumnado a outros espazos durante, polo menos, un curso escolar".
Analizadas as necesidades actuais, a terceira fase da reforma do Froebel suporía a renovación integral das cubertas do edificio de Primaria, dos corredores perimetrais e do patio. Así mesmo, cambiaríanse os baños de Primaria e substituiríase o peche perimetral de policarbonato do patio. Finalmente, a actuación incluiría acabados interiores con novas instalacións eléctricas, falsos teitos, luminarias, entre outros elementos.
O Goberno galego ten investido xa case un millón de euros nas dúas primeiras fases da reforma do colexio CEIP Froebel.
Relacionadas:
-
O PSOE denuncia que a Xunta non contempla o cambio da cuberta do colexio Froebel nos orzamentos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Compromiso para acometer este verán traballos de limpeza e tratamento nas cubertas e canlóns do Froebel
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
É unha piscina? Non, é unha nova inundación no patio interior do colexio Froebel tras as fortes chuvias
Por Anxo Lourido |
-
O Concello lembra á Xunta que a reforma do Froebel téñena paralizada desde o 2011
Por Manu Otero |
-
Nova petición para que a Xunta resolva os problemas de pingueiras no CEIP Froebel
Por Anxo Lourido |
-
Máis dun lustro de atraso no cambio de cuberta do Froebel mentres as pingueiras seguen a encher caldeiros no colexio
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |