A explotación da depuradora das Corticeiras obtén unha boa calificación no último informe de auditoría
Por Redacción
O concelleiro de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, do Concello de Caldas de Reis Manuel González, visitou a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) das Corticeiras, de titularidade municipal, para valorar o último informe de auditoría independente remitido por Augas de Galicia, e para coñecer o seu funcionamento durante os pasados días de máximas precipitacións.
Manuel González informou que "estamos recompilando todos os datos sobre o funcionamento das redes de saneamento e de pluviais para dispoñer en xaneiro dunha proposta integral que permita evitar os desbordamentos puntuais, como os producidos por Efraín o pasado 12 de decembro. Unha das propostas que estamos a valorar é a construción dunha nova estación de bombeo de pluviais ao Umia que complemente ou substitúa a construída por Augas de Galicia hai dúas décadas, e a viabilidade dun tanque de tormentas na Tafona como os que xa dispoñen outras vilas e cidades, obras que deberían ser financiadas pola Xunta de Galicia con fondos europeos para a prevención de inundacións".
Segundo a última auditoría recibida a EDAR de Caldas de Reis está "en moi bo estado de conservación e traballando sen grandes incidencias". Cumpre coas esixencias da Directiva europea de augas residuais, "acadándose valores altos de depuración" e valora a calidade global de EDAR como "aceptable" e a valoración da explotación como "boa", e considera suficiente o rendemento do equipo de desinfección da mesma. "Valóranse positivamente os esforzos na explotación da liña de deshidratación e os medios que aporta a empresa para facer fronte aos vertidos industriais. Asemade ponse en valor a orde, limpeza e boa conservación das instalacións e equipos electromecánicos", indícase no último informe de auditoría que xunto aos anteriores son remitidos bianualmente pola Xunta de Galicia á Comisión Europea.
En relación ás bombas de pluviais, o informe sinala que "entran en funcionamento cando se alcanza o nivel de pluviais coas tres bombas de auga bruta en funcionamento, e posibilitan pretratar toda a auga aliviando o exceso á saída de pretratamento sen entrar no tratamento secundario".
Manuel González subliñou "a mellora significativa nos últimos meses do funcionamento da EDAR grazas ás xestións realizadas polo Concello, coa financiación do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, na mellora e modernización das redes de saneamento e pluviais, e tamén no control municipal de verquidos", e anunciou que o próximo ano "investiranse máis de 100.000 euros na EDAR en diversas melloras recomendadas nos informes de auditoría".
A EDAR de Caldas foi inaugurada hai 15 anos, no 2007, polo alcalde Juan Manuel Rey, e foi executada e financiada pola Xunta de Galicia durante o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño. A súa xestión foi asumida polo Concello de Caldas de Reis que ten contratada á empresa Espina e Delfín para o seu mantemento e xestión diaria.
Relacionadas:
-
Caldas destina medio millón de euros a mellorar o saneamento na parroquia de Santa María
Por Redacción |
-
A Xunta cede dúas parcelas ao Concello de Caldas de Reis para as instalacións de depuración de augas residuais
Por Redacción |
-
A partir de maio serán contratadas por 140.875 euros novas obras para sanear augas residuais de Caldas
Por Redacción |
-
Unha auditoría de Augas de Galicia certifica que a depuradora de Caldas cumpre coas normas europeas
Por Redacción |