Unha auditoría de Augas de Galicia certifica que a depuradora de Caldas cumpre coas normas europeas
Por Redacción
Unha auditoría externa remitida por Augas de Galicia certifica que a EDAR das Corticeiras, en Caldas de Reis, cumpre coas esixencias da Directiva europea de augas residuais, "acadándose valores altos de depuración".
O alcalde, Juan Manuel Rey, informou este martes da recepción do informe técnico, que valora a calidade global de EDAR como "aceptable" e a explotación como "boa".
Ademais, o informe considera suficiente o equipo de desinfección da estación, valorando "positivamente" os "esforzos na explotación da liña de deshidratación" e os medios que utiliza a empresa para facer fronte aos vertidos industriais.
Asemade ponse en valor "a orde, limpeza e boa conservación das instalacións e equipos electromecánicos".
Augas de Galicia propón ao Concello que realice un estudo da viabilidade técnico-económica de incrementar a capacidade de aireación biolóxica coa implantación dun maior número de rotores que poden albergar as actuais balsas de aireación.
Tamén recomenda, por mor dos vertidos industriais, complementar o proceso de eliminación biolóxica de fósforo cun sistema de precipitación química do mesmo para o que sería necesario instalar un sistema de dosificación de sales de aluminio para eliminar o fósforo remanente por vía química e así dar cumprimento ao límite establecido na Autorización de Vertido sen interferir no funcionamento do equipo de desinfección ultravioleta.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, amosou a súa satisfacción polos resultados da auditoría destas instalacións que este ano cumprirán 15 anos.
Tamén confirmou que "o Concello xa ten iniciado o estudo técnico e financeiro para instalar os equipos recomendados e remitirá nas próximas semanas a Augas de Galicia a información solicitada relativa aos permisos de vertedura de usuarios non domésticos e verificará o seu cumprimento".
Relacionadas:
-
A explotación da depuradora das Corticeiras obtén unha boa calificación no último informe de auditoría
Por Redacción |
-
O saneamento de Tivo, en Caldas de Reis, supoñerá un investimento de 330.000 euros
Por Redacción |
-
Caldas investirá 372.000 euros no proxecto de saneamento entre Tivo e Corticeiras
Por Redacción |
-
Caldas solicita a colaboración de Augas de Galicia para completar o Plan de Saneamento
Por Redacción |