Adxudican a obra para a ampliación do cemiterio municipal de San Xoán de Poio
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, acompañado pola edil de Sanidade, a tamén nacionalista Marga Caldas, visitou as parcelas adquiridas polo Concello de Poio para acometer a ampliación do cemiterio municipal de San Xoán, un terreo anexo ao camposanto.
Precisamente, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto de urbanización deste espazo, que permitirá acometer unha actuación “moi necesaria e comprometida por parte deste Goberno coa veciñanza”, segundo apuntou o propio rexedor.
Será a empresa COVSA a encargada de acometer os traballos, que contan cun prazo de execución de seis meses. Agárdase que as obras dean comezo nas vindeiras semanas, de xeito que, se non se produce ningún tipo de imprevisto, a ampliación do cemiterio municipal será unha realidade no verán de 2023.
O proxecto foi adxudicado finalmente por un importe que ascende a un total de 408.944,45 euros, e se financiará con cargo ao Remanente de Tesourería resultante da liquidación do Orzamento municipal de 2021.
A actuación conta con todos os pertinentes informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio, así como de Sanidade e Medio Ambiente. “Cumprimos co obxectivo de rematar toda a tramitación antes de que finalizase o ano e agora xa está todo listo para que os traballos comecen en breve”, apuntaron o alcalde Sobral e Marga Caldas, que inciden na importancia que ten o proxecto, xa que grazas ao mesmo o camposanto verá ampliada de xeito notable a súa capacidade, toda vez que a actuación contempla a dotación de preto de 500 novos nichos, 328 dos cales ficarán en panteóns, e 82 osarios.
Os primeiros labores centraranse na demolición, explanación e limpeza do terreo. A partir de entón será cando se proceda á súa urbanización. Tal e como consta na memoria técnica, habilitarase tamén un almacén e dous aseos. A actuación inclúe, asemade, a dotación de conexión e accesos á nova parcela.
Ao mesmo tempo, o Concello contempla aumentar o número de prazas de estacionamento nas proximidades. “Estamos moi satisfeitos co feito de poder facer realidade unha actuación que tiñamos comprometida desde o Goberno municipal, posto que estamos a falar dun servizo que resulta imprescindible para a cidadanía”, apuntaron o alcalde Sobral e a concelleira de Sanidade.