O Concello de Poio insta á Xunta a limpar os terreos de Fragamoreira baixo risco de sanción
Por Redacción
O Concello de Poio enviou un requirimento á Xunta de Galicia para que acometa a limpeza da parcela de Fragamoreira na que se instalará o futuro polígono empresarial.
O alcalde, Luciano Sobral, asinou o escrito, no que solicita ao Instituto Galego de Vivenda e Solo que proceda á limpeza da maleza nun prazo de 15 días previos á tramitación do expediente.
Durante ese prazo, tamén poderá presentar alegacións se así o considera oportuno. Luciano Sobral anima ao IGVS a que se poña en contacto co departamento municipal de Medio Ambiente por se fose precisa calquera aclaración e recorda que, unha vez finalizadas as tarefas, deberá remitirse a pertinente notificación, para non seguir coa tramitación do expediente.
O requirimento advirte de que en caso de que se produza un incumprimento desta orde poderíase incoar un expediente sancionador e proceder á execución forzosa, mediante a imposición de multas coercitivas, por importe de 1.000 a 10.000 euros reiterativos trimestralmente ata lograr a execución da limpeza.
O alcalde lembra que non é a primeira vez que o Concello de Poio advirte á Administración autonómica da situación na que se atopa a parcela, senón que xa se puxeron en contacto en varias ocasións coa Xunta para solicitar a limpeza dos terreos.
Desde o Concello de Poio destacan que o estado actual no que se atopa este espazo "non se axusta ao establecido pola Lei 7/2012 de 28 de xuño de Montes de Galicia", que establece que no apartado correspondente ás redes secundarias de faixas de xestión de biomasa "nos primeiros 30 metros da faixa non poderá haber especies que favorezan a propagación do lume como piñeiros, acacias e eucaliptos, toxos ou xestas".
Lembran tamén á Xunta que tamén se debe cumprir coa normativa que define os deberes de uso, conservación e rehabilitación dos propietarios de toda clase de terreos, construcións, edificacións e instalacións.
Relacionadas:
-
Zona Franca ofrece un estudio técnico para impulsar a creación do polígono empresarial de Fragamoreira
Por Redacción |
-
Instan á Xunta a que transfira as competencias do polígono de Fragamoreira ao Concello de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O Pleno municipal de Poio votará un novo trámite para poder licitar o contrato da auga
Por Redacción |
-
Zona Franca, "disposta" a implicarse para impulsar o polígono de Fragamoreira
Por Alejandro Espiño |