O Pleno municipal de Poio votará un novo trámite para poder licitar o contrato da auga
Por Redacción
O Concello de Poio remitirá proximamente á Xunta de Galicia a proposta de estrutura de custes do novo contrato do ciclo da auga. O documento será levado ao Pleno ordinario de decembro, que terá lugar este martes e, unha vez obteña a aprobación provisional, será enviado á Administración autonómica para que lle dea o seu visto bo.
O concelleiro de Facenda e Economía, Xulio Barreiro, indicou que "trátase dun paso máis á hora de completar toda a xestión previa á licitación e adxudicación do servizo".
O edil do Goberno municipal recorda que o futuro contrato contén unha previsión aproximada duns 14 millóns de euros en investimentos para a execución de obras de calado, como é a dotación de servizos básicos a núcleos como os de Fragamoreira ou Vilariño, ao tempo que se renovarán estruturas e tubaxes correspondentes a outras zonas do municipio.
Unha vez se acometan estas actuacións "estaremos en disposicións de chegar a preto do 100% do termo municipal no que a abastecemento e saneamento se refire", sinala o responsable de Facenda, que lembra que a día de hoxe esta porcentaxe xa rolda o 90%, grazas ás diferentes obras e traballos impulsadas polo Concello nos últimos tempos, especialmente no ámbito do rural.
Xulio Barreiro lembra que a aprobación por parte da Xunta de Galicia deste documento é un dos últimos pasos a completar e que "resulta indispensable para acometer a licitación do contrato, que confiamos en poder adxudicar en poucos meses". Cómpre lembrar que a día de hoxe o Concello de Poio xa conta co pertinente estudo de viabilidade, ademais de finalizar a elaboración do pliego de condicións.
Relacionadas:
-
O Concello de Poio insta á Xunta a limpar os terreos de Fragamoreira baixo risco de sanción
Por Redacción |
-
Aprobado o orzamento municipal de Poio cos votos en contra do PP
Por Redacción |
-
Poio destinará fondos provinciais contra a seca para renovar a rede de abastecemento de auga na Caeira
Por Redacción |
-
O PP de Poio reclama ao Concello un "plan integral" para solucionar os problemas coa auga na Caeira
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Poio sacará a concurso proximamente o novo contrato da auga
Por Oskar Viéitez |