Concentración diante da Residencia Soremay polo despedimento dunha delegada da CIG
Por Redacción
Representantes da federación de Servizos do sindicato CIG de Pontevedra concentrábanse este xoves diante da residencia de terceira idade Soremay no barrio do Gorgullón en Pontevedra. Denuncian o despedimento dunha delegada do sindicato nacionalista no comité de empresa e acusan á dirección da entidade de "represión sindical".
Sinalan que os servizos xurídicos da CIG traballan no recurso para reclamar a nulidade da rescisión do contrato ao entender que é "inxusta e arbitraria". Iván Veiga, de CIG-Servizos, afirma que se trata dunha decisión sen fundamento laboral ao non constar queixa con anterioridade ao despedimento.
Entenden que se trata dunha represalia polo labor sindical da traballadora, que se viu sometida a presións tanto pola xerencia como por outras delegadas doutros sindicatos, expoñen. O cambio na dirección da residencia no mes de xuño de 2022 provocou un "acoso e unha persecución constante" da traballadora.
Denuncian que as delegadas de CCOO e UXT, con maioría no comité de empresa, pretendían acordar coa dirección cuestións que empeoraban o convenio colectivo e a oposición da representante da CIG provocou esta situación.
Anuncian que volverán concentrarse o mércores 11 ao mediodía, diante da residencia Soremay, en Pedro Sarmiento de Gamboa.
Relacionadas:
-
Readmitida a delegada da CIG que fora despedida da residencia Soremay
Por Redacción |
-
Concentración ás portas de Soremay pola readmisión dunha traballadora despedida
Por Manu Otero |
-
A CIG denuncia a "campaña de acoso" e despedimento a unha das súas delegadas sindicais na residencia Soremay
Por Redacción |