O mal tempo obriga a adiar o Festival Kilo Solidario de Os Coribantes
Por Redacción
O temporal de choiva e vento, que mantén toda a provincia en alerta marela por precipitacións e laranxa na costa, obriga a adiar o Festival Kilo Solidario de Ponte Caldelas.
O festival estaba previsto para este sábado despois de dous anos sen celebrarse pola pandemia e finalmente tivo que suspenderse. Agora haberá unha nova data que aínda non se confirmou.
Este festival busca recoller alimentos non perecedeiros que se entregarán aos Servizos Sociais municipais e celebrarase, cando volva ter nova data, nunha carpa instalada na praza de España de Ponte Caldelas.
A cita, organizada pola banda de gaitas e baile Os Coribantes, ten como destinatarios finais as familias do municipio que teñen dificultades económicas.
Contará coas actuacións dos Coribantes, Ponte Caldelas Baila, Tacones y lunares, Baile Irlandés en Galicia e outras sorpresas.
Este ano, ademais, tendo en conta a complicada situación de saúde que está a vivir o deportista de Ponte Caldelas asentado en México Gustavo Dacal acordouse instalar unha urna para recoller donativos económicos para axudar a facer fronte aos gastos médicos.
Familiares e amigos de Dacal estarán en Ponte Caldelas para informar sobre as últimas novidades.