A recadación do trofeo Manolo Martín levará alimentos a tres orfanatos de Ucraína
Por Redacción
A recadación da cuadraxésima edición do Trofeo Solidario Manolo Martín, celebrado o pasado mes de agosto en Sanxenxo, destinarase a axuda alimentaria para nenos e nenas de tres orfanatos de Ucraína.
En colaboración coa Fundación Amigos de Galicia, levará a tres centros do país tres palés de conservas con 30.000 latas de diferentes alimentos nos próximos días. O obxectivo é axudar a un país que leva case un ano sufrindo a invasión rusa. Un conflito no que se estima que morreron máis de 40.000 civís e 200.000 soldados de ambos os países.
O alcalde, Telmo Martín, xunto ao presidente da Fundación Amigos de Galicia, Ramiro Varela, anunciaron o destino solidario do XL Trofeo Manolo Martín no salón de plenos do Concello de Sanxenxo.
Ao acto non puido asistir o promotor do trofeo Manuel Martín debido a unha indisposición de última hora. “O Concello está encantado de colaborar con esta iniciativa cedendo o campo de Baltar e comprando entradas para os nenos e nenas do municipio como xa levamos facendo dende hai anos”, explicou o alcalde.
O presidente de Fundación Amigos de Galicia lembrou que o ano pasado o diñeiro recadado co trofeo destinouse á investigación contra o cancro. “Este ano decidiuse destinar a compra de conservas para nenos orfos de Ucraína. Enviarase dous primeiros palés e logo un terceiro ao punto exacto onde se atopa o orfanato para evitar a perda da mercadoría”, sinalou Varela.
As conservas son de distinto tipo desde mexillóns ata ventresca ou sardinillas que pola súa elaboración teñen un período de caducidade que nalgúns casos supera os tres anos. Ademais, explicou Varela, pediatra de profesión, que “o peixe azul é un moi bo alimento para os nenos”.